María Bouzas é unha das protagonistas da película «Reliquias», cuxo pre-estreo terá lugar este xoves en Lalín
14 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Nos Cines Filmax Pontiñas será onde se pre-estree «Reliquias», unha longametraxe rodada no mosteiro silledense de Carbeiro e nos arredores. Unha película, que dirixiu Toño López, e que está protagonizada por Manuel Requeiro, Alfonso Agra, Javier Rey, Carlos Villa, Antía Otero, e na que María Bouzas encarna a unha abadesa.
-Fago de abadesa dun mosteiro dúplice, un cenobio no que convivían monxas e monxes -algo que era moi habitual na Galicia de principios do século XII- e no que se vivía unha fe peculiar do noroeste. É unha historia de suspense xa que acontece un crime horrible. Chega un legado papal que obriga a pór orde no cenobio ou, do contrario, insta a pechalo. O legado non é do agrado de ninguén e aparece envelenado. Todos teñen motivos, incluso a abadesa, para acabar coa vida do legado. Todos somos sospeitosos e ata aquí podo contar...
-¿É unha película rodada neste ano?
-Non. Foron tres semanas de rodaxe que fixemos o ano pasado, en novembro. Haber rodado en Carboeiro non tén palabras, é un marco incomparable que eu persoalmente xa coñecía. Salientar que os veciños de alí nos axudaron moito, fixeron de figurantes -e poderedes velos e recoñecelos na película-. Foi moi interesante, pese ao frío que pasamos nalgún momento ao ir calzados con sinxelas sandalias. É de xustiza e de lei que se faga o pre-estreo da película aí xa que foi rodada na zona.
-¿A crise está afectando tamén ao sector audiovisual?
-O audiovisual é un sector en crise coma todos, non temos privilexios. A sorte que tivemos este ano é que se estrearon moitas películas pero todas elas foron rodadas o ano pasado. A realidade é que moita xente tivo que marchar para buscar traballo fóra. Por pór un exemplo, a serie que se emite na Primeira é dunha produtora galega. Foi un ano moi duro para os profesionais do audiovisual.
-¿Agárdanse mellores tempos?
-Non. Cultura prevé un 54% de recorte para o ano próximo en audiovisual. É escandaloso. Ás produtoras non lle queda autra máis que pechar ou emigrar. Non é este un sector privilexiado como tenden a decir algúns.
-E, ¿o teatro?
-Do teatro non che quero nin falar... De todos os xeitos, enchénse cada vez máis os teatros en España -ao ser un espectáculo en directo que non se pode descargar-, pero os concellos non teñen orzamento para levar compañías aos seus pobos. Non sei como aguantan algunhas formacións ás que se lle adebedan moitos cartos. Nós tamén formamos parte desta sociedade.