«Imos promocionar Deza en España e Portugal co Padroado Rías Baixas»

Amelia Ferreiroa LALÍN/LA VOZ.

DEZA

O colectivo actualizou a información turística da zona no «pasaporte verde»

02 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A Asociación de Turismo Ouro Verde editou recentemente unha guía da comarca, o «Pasaporte verde», con formato de peto no que se recompilan informacións turísticas dos seis concellos da zona.

-Foron dous meses de traballo para elaborar a guía, e na que se recolle o que nos pareceu máis importante de cada concello: información turística, un directorio de aloxamentos e restaurantes, festas... Foi o primeiro paso para achegarlle ao lector unha información actualizada e verídica da comarca e poder amosar todo o que aquí temos.

-Fixeron unha tirada de mil exemplares destes pasaportes, ¿de que xeito se fai a distribución dos mesmos?

-Os pasaportes foron elaborados cunha achega do GDR Terras do Deza, e cada un dos 55 socios de Ouro Verde se levou exemplares, témolos tamén a disposición dos interesados na oficina de turismo en Lalín, e outra parte servirá para promocionar Deza en España e Portugal co Padroado de Turismo Rías Baixas. Aos actos de promoción aos que vaia o padroado nós teremos alí tamén material: tanto guías coma DVD. Son catro vídeos -cunha duración de entre tres e cinco minutos- que amosan actividades relacionadas co turismo activo, paisaxes, casas de turismo rural, os artesáns locais e a gastronomía e os produtos locais.

-Contémplanse tamén un sorteo de premios...

-Na guía, ao final, hai un papel con catro espazos que poderán ser selados polos visitantes e, dese xeito, entrarán logo nun sorteo que faremos para Semana Santa co que pretendemos premiar a todos aqueles que nos visitaron ata entón. Contamos cunha trintena de agasallos, xentileza de varios establecementos, e que consistirán en noites de aloxamento de balde, spa, pezas de artesanía e produtos gastronómicos.

-Para as vindeiras datas de Nadal, ¿algunha actividade promocional específica?

-Neste mes de decembro a idea é crear un paquete dirixido ás asociacións da zona de costa: culturais, de coches antigos, de motos... para que veñan a pasar a fin de semán á comarca de Deza.