Só Embutidos Lalinense e Porriño seguen invictos tras catro xornadas

Lorena García Calvo
Lorena García Calvo LALÍN/LA VOZ.

DEZA

12 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

As cousas non son como empezan, senón como rematan, pero alomenos, o inicio desta tempada en Primeira Estatal está a ser prometedora e entretida para os intereses dezanos. O Embutidos Lalinense Balonmán Lalín corroborou o sábado en Carballo o seu bo arranque liguiero cunha vitoria sobre o sempre difícil Xiria. Ese trunfo veu dar máis ás a unha afición que xa soña con estar pelexando por unha das dúas primeiras prazas da clasificación cando chegue o mes de abril.

Tralas catro primeiras xornadas só Embutidos Lalinense e Porriño poden gabarse de non ter deixado puntos polo camiño. O cadro porriñés e o dezano empatan a catro vitorias, e polo tanto a puntos; a igualdade mesmo chega á diferenza de goles (10), pero o vindeiro sábado esa igualdade esvaecerase. O calendario quixo que precisamente sexa o Porriño o próximo rival dos de Alberto Miguélez, co cal, salvo empate, un dos dous equipos sairá do Lalín Arena como líder en solitario da clasificación.

Despois de varias campañas abrindo a tempada lonxe de Lalín, o cadro roxinegro inicio a Liga na casa e vencendo de 5 (30-25) a un descoñecido Zamora. Chegou unha semana despois a primeira proba de fogo lonxe da casa: Redondela. Tres goles de marxe (26-29) deron os dous puntos aos de Alberto e aportaron confianza a un equipo que a tempada pasada se atragantou como visitante ata o mes de xaneiro, cando precisamente ante o Porriño, e por 33-41, os dezanos acadaban a súa primeira vitoria como visitantes.

Seguindo con este curso, os pupilos de Alberto xa saben tamén o que é gañar en domingo, logo de impoñerse ao Lavadores por 27-26 no Lalín Arena, un resultado que serviu ao técnico para extraer unha conclusión importante, e que quedou referendada o pasado sábado: o BM Lalín aprendeu a xogar cos tempos nos finais dos partidos.

A pasada tempada o Embutidos Lalinense rematou a Liga como o «rei dos empates» (xunto coa Avilesina), ao asinar 6 igualadas en 22 partidos. Daquelas a análise do titular do banquillo roxinegro era clara: o BM Lalín non sabía xestionar os últimos minutos dos partidos, unha materia que esta campaña está a dominar mellor. O pasado sábado os lalinenses gañaron 27-28 ao Xiria nun choque que nos últimos minutos podía ter caído para calquera dos dous bandos; sen embargo, os dezanos souberon controlar as pulsacións e rendabilizar a súa vantaxe mínima.

Táboa igualada

A pesar de que o Embutidos Lalinense xa comezou a presentar as súas credenciais para os postos de privilexio, non é o único, e terá que pelexar moi duro para dar continuidade á súa boa liña de resultados nunha campaña que se presume máis emocionante e igualada que Ligas pasadas.

Os dous equipos que están sempre en todas as quinielas, Chapela e Novás, xa encaixaron a súa primeira derrota, pero eses puntos cedidos poden ser só anecdóticos ao remate da tempada. Polo de agora os dous equipos están empatados a 6 puntos co Medicentro Gijón. Cun punto menos, e na sexta praza, sitúase o Seis do Nadal, que vén de vencer á SAR a domicilio; con catro está o Xiria, e logo xa se sitúan con tres puntos Zamora, OAR e Lavadores. O Base Oviedo só logrou unha vitoria, mentres que Avilesina e SAR só contan cun empate. O Cisne segue a ceros.