«Xoseme Mosquera foi un gran piar do asociacionismo»

Amelia Ferreiroa LALÍN/LA VOZ.

DEZA

O poeta e músico estradense, que «representou unha xeración moi activa», será lembrado este domingo

08 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Tiña pouco máis de vinte anos cando unha enfermidade segou a súa ampla traxectoria creativa. Agora, con motivo do cincoentenario do seu nacemento a Asociación Cultural Vagalumes de Tabeirós-Terra de Montes, xunto a familiares e amigos, tributánlle un recoñecemento. Será este domingo. A primeira cita, no cemiterio de Moreira ás seis da tarde, cunha ofrenda floral.

-Pese a súa xuventude Xoseme Mosquera deixou unha fonda pegada e bastante obra pero pouco coñecida...

-Morreu moi novo pero era unha persoa que tiña moitas inquedanzas. Xoseme Mosquera representou a unha xeración moi activa. Foi un gran piar do asociacionismo estradense e foi quen de comezar a dinamización cultural no pobo. No seu día, dende a Asociación Cultural Vagalumes recompilamos nun libro a sús obra e fíxose unha selección de poemas da súa autoría. Agora, ao cumprirse o seu cincoentenario do seu nacemento, voltamos a incidir sobre a súa figura dende un plano más amplo.

-Non só escribiu tamén formou parte do grupo Penadona...

-A finais dos anos 70, principios dos 80 comezaba a incidencia da música galega na que Xoseme tamén xogou un papel fundamental. Foi impulsor, letrista, compositor e cantor. Compuso moitas letras e,dende o punto de vista familiar, salientan que era amigo de enredar á xente nos seus proxectos musicais e culturais.

-¿De que xeito lle achegarán ao público a figura de Xoseme?

-Coa colaboración de familiares e amigos puidemos recuperar escritos inéditos de Xoseme Mosquera, un vídeo e unha grabación do ano 1981 dunha actuación que realizara o grupo Penadona en Silleda. É moi interesante ver como se fixo tanto en tan pouco tempo. Xoseme aproveitou ao máximo os anos de vida. A súa calidade poética e musical está aí e é unha mágoa que non se coñeza mellor en A Estrada e tamén por outros sitios adiante.

-¿Gárdanse imaxes e sons de moitos concertos do grupo Penadona?

-Recuperamos pouco material. Sabemos que o grupo fixo actuacións nos anos 81 e 82 pero non había rexistros, non se valoraba o traballo que se facía.

-Despois do acto en Moreira, ¿que haberá?

-Un recital poético musical que se celebrará na sala de exposicións Caixanova de A Estrada ao que asistirá o editor Amancio Liñares -amigo de Xoseme-, Paulo Porta -de Penadona-, Olimpio Arca, Xosé Manuel Malheiro e Antía Otero e que comezará ás sete e media da tarde.