«A peza está inspirada no traballo dos torneiros locais»

Rocío García Martínez
Rocío García A ESTRADA |

DEZA

A composición estrearase hoxe ás 23.00 horas nas festas do Amparo, interpretada polo grupo Os goliardos

31 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Manoel Anxo Rey Chao exerceu moitos anos como profesor de música no Instituto español en Lisboa. Agora que está xubilado voltou ás súas raíces na Estrada. Toca a gaita, o acordeón e o tamboril e é o presidente do grupo Os goliardos, un colectivo centrado na investigación no campo da música tradicional.

-¿Como naceu esa muiñeira para Berres?

-Berres merecía ter unha peza propia e eu decidín inspirarme no máis tradicional: o traballo no torno. Desde o último tercio do XIX en Berres houbo tradición de torneiros: primeiro co torno de varas, despois con de pedal ou volante, logo co hidráulico e finalmente co eléctrico, hoxe moi evolucionado. A muiñeira xurdiu no Taller de García de Riobó, de Xaquín Espiño. Achegueime alí escoitar o traballo do torno. Non tiña decidido aínda qué compoñer, pero o traballo da gubia e a trencha no torno, co descanso final suxeriume unha muiñeira. Non podía ser outra cousa.

-¿Cando será a estrea?

-Será hoxe, no campo da festa de Berres. Desde as 21.00 horas acturá o grupo tradicional Os goliardos, que antes de despedirse para lle dar o relevo á orquestra, sobre as 23.00 horas, estreará a peza. Repartiranse libretos coa partitura á comisión de festas, ó teleclub, ós músicos e a Xaquín Espiño.

-¿Que investigan Os goliardos?

-Tratamos de depurar o folclore, que está moi manoseado. As pezas tócanse de xeito diferente en cada zona, pero hai xente que as adultera, que traslada cadencias ou non respecta a autenticidade dos ritmos. Nós buscamos recoñecer os elementos superpostos e buscar a autenticidade. Estase perdendo o sentido xenuino.

-¿Quenes integrades o grupo Os goliardos?

-Ademáis de min, os fixos do grupo por agora son Xoan Carlos Álvarez, un mozo orixinario de Bilbao que agora vive na Estrada e que toca a gaita moi ben, e Xan Ruibal, de Berres. No concerto de hoxe tocarán ademáis María Rey Valladares (acordeón) e María Camino Calvo (bombo).