A Universidade de Verán 2010 organizou unha visita guiada pola comarca de Tabeirós-Montes para o curso de agroecoloxía e soberanía alimentaria
31 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.«Todo o que necesitamos está na natureza», sentenciaba onte Julio Morales (máis coñecido coma Julecho) cando amosaba a plantación ecolóxica que dirixe con Aurora Calviño aos asistentes do curso da Universidade de Verán 2010, Agroecoloxía e soberanía alimentaria. A maleza serve de barreira natural para a horta, e o acolchado que protexe a terra das inclemencias conségueno dos montes lindantes. O terreo prové, e eles -traballándoo, claro está- recollen.
Julio e Aurora coñecéronse nun obradoiro de agricultura ecolóxica cando el voltaba a Ponte, a aldea forcaricense onde se atopan as súas raíces. Foi entón cando xurdiu a idea de poñerse mans á terra e crearon «A Hortiña da Ponte» no Prado da Veiga, lugar que levaba a monte dende os oitenta. Xa pasaron tres anos dende entón, e as fresas, espárragos e outros produtos de tempada brotan sen axuda de ningún tipo de sulfato. «A vida do solo, lombrigas e feces xa aportan materia orgánica aos cultivos», apuntaba Xan Neira, profesor universitario de agroecoloxía e coordinador do curso.
Na Hortiña da Ponte apostan pola variedade e a calidade máis que pola cantidade, e uníronse a outras dúas familias da comarca en cooperativa para darlle saída ao ecolóxico nas feiras da Estrada e Santiago, onde empezan a ter clientes fixos.
«Os produtos de zonas frías, coma esta, saen máis pequenos e concentran todos os nutrientes. A xente non acaba de decatarse diso cando paga», sinalaba Enrique Banet, presidente da Fundación Galicia Verde, que acolleu este curso e formou tempo atrás á parella de Ponte cando o proxecto da Hortiña recén comezaba. Agora os cooperativistas embárcanse nun proxecto máis ambicioso, acondicionando un invernadoiro de 800 metros cadrados que esperan ter listo para finais de ano.
Da leira ao bote
A segunda parada da visita guiada que o curso facía por Terra de Montes foi en Soutelo de Montes, onde se atopa a empresa de conservas ecolóxicas Amorodo. María Vitoria Cosme e Iolanda Vilar tamén formaron parte desa primeira fornada que saíu do centro que Banet dirixe en Leboso.
Unha ferreteira e a outra boticaria, uníronse nesta aposta polo mercado ecolóxico. Comezaron envasando tomate e marmelada de fresa. A introdución da maquinaria no 2005 foi a clave para que o ano seguinte deran o paso de comercializar. A empresa atopou saída ao produto ecolóxico made in Galicia en comercios especializados ou de alimentos selectos e tamén nas tendas pequenas dos pobos.
A materia prima adquírena dos produtores da comunidade. «O ecolóxico parece que está a coller bastante forza, e nos últimos anos hai moitos máis agricultores», comentaba Cándido, un dos empregados da conserveira.
Esta é a época de maior traballo na conserveira pois coincide coa estación na que chega todo o produto. Cinco mulleres de Soutelo traballarán a reo neste mes que entra para envasalo.
Compota de mazá, doce de marmelo, tomate frito e ao natural, verduras da tempada ou marmelada. De novo, a marmelada volve saber a kiwi, figo ou amorodo cando vén da horta de sempre.
