«Non vou ser candidato a alcaldía nin a presidir o congreso do PP»

Montse García Iglesias
Montse García LALÍN/LA VOZ.

SILLEDA

Defensor de que sexan as bases as que decidan o alcaldable da formación, di que non estivo dacordo coa moción de censura en Silleda e considera que os perxudicou

18 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Juan Salgueiro leva once anos fóra do sillón da alcaldía de Silleda, despois de ceder o testigo a José Fernández. É o purismo dentro da ideoloxía do PP, no que leva como militante 38 anos, 16 dos cales estivo no concello -doce como rexedor- e foi tesoureiro, secretario o presidente da formación. No seu currículo: a débeda do Concello e tamén ser unha persoa que na súa relación cidadán se facía querer. Agora, a nova etapa aberta do partido, volveuno a poñer no foco.

-A súa voz foi unha das que se escoitou na reunión convocada por Crespo...

-Sempre me chaman as reunións, pero sempre quixen axudar, non entorpecer. Convocouna Crespo cunha serie de xente que cría oportuno escoitar. Expuxen que era mellor mirar cara adiante e para iso había que empezar por facer unha chamada os afiliados, simpatizantes e incluso facer unha campaña de afiliación e un congreso, porque levamos trece anos sen el.

-Moitos apuntan a vostede como a persoa axeitada para levar a cabo ese posible congreso, aínda que tamén hai voces detractoras. ¿Faríao? ¿Que condicións poría?

-Na reunión dixen que podía axudar, pero agora taxantemente digo que nin vou ser candidato a presidencia do congreso nin candidato a alcaldía. Dado o pouco tempo que queda non ten que coincidir a presidencia do partido co candidato. Evidentemente, cando termine o proceso e sexan as eleccións, o candidato quede na oposición ou gobernado, debería ser o próximo presidente do PP de Silleda.

-Pese o que di, hai quen teme e desconfía da súa volta...

-Se o din doutros partidos, aínda o vexo como un halago. Pero se é dentro do meu, que non se lle pase pola imaxinación. Se quixera, penso que tería tantos dereitos como calquera a presentarme a candidato, pero nunca pasou polo meu sentir volver. As razóns son claras. Foi un momento da miña vida (a alcaldía) pero xa pasou, pasoume o tempo de volver. Xa fixen unha xestión, que considero que boa. Tiven moi boas corporacións, porque tiven bo equipo de goberno e boa oposición e iso, ó final, redunda na xestión, pero tamén tiven errores, se cadra estes achacables só a min que era o que dirixía, pero os acertos está aí. Pero hai máis. Levo anos crendo na limitación dos cargos a nivel do partido. Xa dixen que os alcaldes debían estar doce anos e os deputados e senadores, oito. É outra razón máis para que non volva a política activa municipal. Despois tamén está a razón da saúde. Salgueiro non vai ser candidato a presidir o congreso do PP nin a alcaldía, se alguén llo plantexase.

Posteriormente, Juan Salgueiro engade: «No vou ser candidato a nada. Apoiarei cando me chamen, non quero participar moi directamente en nada porque creo que hai xente nova que ven cara o partido que ten que coller as rendas».