A candidatura á presidencia do Balonmán Lalín xa se está a perfilar para presentarse o xoves ante a masa social
08 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.O Balonmán Lalín está un paso máis próximo de contar con nova xunta directiva. Aínda que será a asemblea de socios a que deberá dicir a última palabra o vindeiro xoves na xunta extraordinaria, o certo é que alomenos xa hai certeza de que se presentará unha candidatura. A pasada fin de semana serviu para que o grupo de socios que no seu día xa se interesara polo club en caso de renuncia de Cortizo, dese un paso á fronte. O anuncio do presidente roxinegro de que deixaba «vía libre» para novos dirixentes, así como que desistía de tentar formar dirección, serviu de empurrón definitivo para que a candidatura ao Balonmán Lalín se concretase.
Os aspirantes á dirección do BM Lalín apuntaban onte que o equipo directivo está xa en marcha, e disposto a asumir o temón do club, sempre que non aparezan outras opcións. Subliñaban que serán os socios os que deberán decidir se dan o visto bo á candidatura e ao seu proxecto, e insisten sobre todo na idea de que «queremos facer as cousas ben». É precisamente nesa idea de seguir un orde lóxico onde se escudan á hora de preferir non facer pública a nómina de integrantes da candidatura ata que estea perfectamente pechada. A quincena de membros que forman o equipo que se postulará á dirección do club está formado por ex xogadores e pais de xogadores que ultiman estes días a distribución de cargos. O proxecto que presentarán ante a masa social do BM Lalín destaca polo nítido reparto de responsabilidades e funcións.
A intención da candidatura á dirección do BM Lalín pasa ademais por presentar o novo proxecto a Amalio Cortizo antes de dalo a coñecer na asemblea deste xoves, para respectar así a actual dirección.
Durante os últimos días a candidatura á dirección do Balonmán Lalín estivo interesándose polo funcionamento do club, e sobre todo pola parte económica. A débeda existente era un aspecto que preocupaba aos socios, e polo tanto, pretendían ter un coñecemento próximo e certeiro do capítulo económico. A pesar de que os tempos non axudan, os aspirantes a dirixir ao Balonmán Lalín a partir do vindeiro xoves, confían en «poder facelo ben».
Se a asemblea outorga finalmente un voto de confianza á candidatura de ex xogadores e pais, tocará xa o venres poñerse a traballar e comezar a dar forma a un proxecto que pretende ser sobre todo coidadoso coa base, aínda que sen descoidar o primeiro equipo. Nese sentido, hai que lembrar que queda por resolver o capítulo de xogadores de Nacional.