Hai persoas que fan máis grandes os pobos, que os melloran e lles dan humanidade. E o cura don Aniceto Iglesias García foi unha delas. Nacido en Chantada, cruzou o monte Faro para ser párroco de Rodeiro. Pero acabou sendo moito máis ca iso.
Durante case 50 anos, os fies -e os que non o eran, porque el nunca distinguiu entre quen ía á misa e quen deixaba de ir- tiveron en don Aniceto un veciño máis, ao que se podía ver paseando pola beira das estradas, vendo os partidos do equipo de fútbol local ou xogando a partida cos seus paisanos; a un loitador, que non dubidaba en botar unha man en cada colectivo novo que se formaba, fose do que fose; a un bo sacerdote, con máis ansias de facer ben e de educar aos meniños na fe cristiá que de recoller esmolas pero, por enriba de todo, a un amigo dos necesitados. Onde había pobreza, alí estivo don Aniceto repartindo alimentos e dando alento. Onde había enfermos, alí estivo don Aniceto facendo compaña...
O ano pasado, os problemas de saúde levárono de Rodeiro. Foise como veu. Co posto. Porque así era don Aniceto. Nada de luxos. Nada de privilexios. Todo humanidade.
O pasado sábado, don Aniceto díxonos adeus para sempre. E novamente, foise como era. Sen facer ruido. Sen molestar a ninguén. Foise e, con el, Rodeiro perdeu a un dos seus grandes.
E mentres un o imaxina polo ceo coa súa voz ronca, o seu carácter ás veces de malas pulgas e o seu amor pola lingua galega -pola que tanto loitou para que estivera presente na igrexa-, as súas obras seguirán falando por el. Don Aniceto, foches o mellor exemplo do ora et labora. Que descanses en paz.