O adestrador recoñécese sorprendido polo gran resultado acadado na tempada, e considera que o equipo maridou á perfección a veteranía coa mocidade
13 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Chegou ao Balonmán Lalín hai xa catro tempadas, e sen facer moito barullo foise abrindo un oco na familia roxinegra. O verán pasado o club ofreceulle a posibilidade de facerse coas rendas do equipo de Primeira Autonómica, e a resposta de Alberto Miguélez foi clara: si. O pasado sábado o técnico devolveu en forma de terceiro posto na Liga a confianza que o BM Lalín depositara nel, e demostrou de novo que no club a fórmula do éxito sempre sae da propia casa.
-Poderíase dicir que o seu é chegar e bicar o santo, porque na primeira campaña en Nacional consegue levar a un equipo pensado para a permanencia ao terceiro caixón da táboa.
-A verdade é que a tempada foi un gran éxito. Sentinme moi cómodo en todo momento con David Carbón e co grupo, e cando che ofrecen a súa confianza, todo é máis sinxelo.
-A merecida vitoria do sábado sobre o Chapela foi a guinda a unha Liga sorpresiva.
-Ninguén de nós agardaba unha Liga así. O noso obxectivo era salvar a categoría canto antes, e despois tentar escalar algunha praza; falando cos veteranos, dicíanche que había equipo para salvarnos, e que igual podiamos pelexar cos da zona media da táboa, pero ninguén pensaba que podiamos acabar terceiros.
-¿Onde radica a chave da boa campaña do equipo?
-O mérito está no adestramento diario e no grupo de xente que forma o equipo. Ao principio sabía que iamos necesitar tempo para adaptarnos uns aos outros, pero o equipo amosouse como un grupo dende o principio. Nos adestramentos traballábase moi ben, e o que pretendiamos facer foise asimilando moi ben por parte de todos xogadores.
-O BM Lalín pode presumir de ser cen por cen canteira, pero as datas de nacemento dos xogadores abranguen ata tres décadas.
-Si, e o primeiro era adaptar aos máis novos cos veteranos, que eran os que tiñan que tirar do equipo. Como temos idades tan dispares, tentamos conxugr o xogo veterano co físico e velocidade que aportan os máis novos. Na pretempada empezamos bastante ben, pero coas primeiras saídas da Liga viuse que facía falla máis; en calquera caso, como todos os xogadores son da canteira, xa saben ao que se xoga, e o non ter obxectivos altos, pois deunos máis tranquilidade e quitounos presión.
-Unha vez lograda a salvación, todo o que viñera era bo.
-Exacto, e esa idea veunos moi ben. O noso mellor momento foi pasada a metade de Liga, cando os resultados nos avalaban e sabiamos que xa non estabamos xogando para non descender.
-¿Está satisfeito co xogo que acadou a plantilla?
-En liñas xerais si; en defensa tivemos un punto negro a principio de tempada; non atopabamos as mellores parellas defensivas e fomos probando en función do rival. Cara o final fomos bastante mellor e vímonos tamén máis asentados en ataque. Gustoume moito que o equipo foi quén de dar variedade ao xogo ofensivo; tiñamos moitas alternativas, e iso é tamén un éxito da xente, porque fai os partidos máis bonitos.
-Se tivera que poñer «peros».
-Faltounos en defensa poñer un pouco os puntos sobre as ies, e en ataque as precipitacións e os erros con balón, en perdas e en lanzamentos, condicionáronnos un pouco, sobre todo a principio de tempada, que era cando nos custaba máis elaborar o xogo.
-Aínda falla por xogar a Copa, pero, ¿disposto a seguir con este equipo?
-É cedo para iso, pero si. En canto a plantilla hai que agardar para ver a continuidade dos veteranos, pero é un equipo con futuro, porque tamén hai xente interesante que pasa agora e xuvenís de segundo ano que tamén poden botar unha man.
-E para rematar, cualifíqueme a Liga do BM Lalín.
-Sobresaínte.