As masas corais María Auxiliadora de Vigo, xunto coas de Rodeiro e Agolada actuarán na vila o vindeiro 5 de xuño
13 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.A Coral Polifónica Trasdeza de Silleda ten actualmente o setenta por cento da programación desta primavera-verán pechada, segundo recoñece o presidente da formación Manuel Fernández Barros.
A coral silledense, que conta nas súas filas con 35 compoñentes, e «está aberta a novas incorporacións», desprazarase o próximo 23 de maio a San Vicente do Mar. «Trátase dun intercambio que imos facer cunha coral de alí. Está previsto que actuemos ás oito da tarde e interpretaremos unhas sete u oito pezas». O presidente da coral está pendente doutra actuación que se levará a cabo na cidade olívica. «É a Asociación de Valladares que parece ten a intención de convidarnos para ofrecer alí un concerto. Por nós, sin problema». Onde a data está xa definitivamente pechada é para acudir ao festival que se celebrará o 19 de xuño no Concello de Rodeiro. «É o terceiro festival que organizan. Puxéronse en contacto con nós por se podiamos a actuar, tiñamos disponibilidade respecto da data e alí estaremos», sentencia Fernández Barros.
Ao día seguinte -20 de xuño- a Coral Polifónica Trasdeza ofrecerá outro concerto. Nese caso a cita será no Castiñeiriño, en Santiago de Compostela, a onde acudirá convidada pola asociación de amigos de dito barrio compostelá. Voltará a formación coral a Santiago pero será en outubro, o día 23, para actuar no Colexio San Francisco. Antes de realizar todas estas saídas, os integrantes da coral silledense se centrarán nunha nova edición de Tardes de Primavera que se celebrará o sábado 5 de xuño. Un acto ao que acudirán como convidadas as corais María Auxiliadora de Vigo, ademais de as de Rodeiro e Agolada. Co gallo de acadar algunha axuda para desenvolver todas estas actividades o presidente da coral mantivo recentemente unha xuntanza coa concelleira de Cultura do Concello de Silleda e co alcalde en funcións, Javier Presas.
«Foi unha reunión cordial na que pedimos algunha subvención para as Tardes de Primavera e para o resto de actos que imos celebrar. O Concello tamén está a programar unha actividade musical para o Día das Letras Galegas e quere contar con nós, unha petición que aceptamos. Estamos analizando a posibilidade tamén de poder cambiar o vestiario. É o mesmo dende tempo atrás e habería que pensar en variar un pouco. A cuestión é acadar axuda económica para poder facelo», dixo. Cabe a posibilidade tamén de que a coral viaxe a Palencia. Actualmente estanse facendo xestións cunha formación da localidade. «A intención é viaxar fóra de Galicia nos próximo meses. Neso estamos tamén».