Aurora Soares Moreira será a encargada de elaborar esta fin de semán en Lalín, o Cozido á Portuguesa, un plato tradicional que serve a cotío no seu restaurante sito en Penafiel (Portugal) -no distrito de Oporto, na rexión norte e subrexión de Tâmega-. Aurora amósase encantada de vir a Galicia a presentar o cocido luso.
-Estou moi agradecida de que me convidaran. É unha oportunidade para dar a coñecer a nosa cociña e os nosos produtos.
-¿Cales son as súas especialidades?
-O meu restaurante está especializado en cabrito e en Cozido á Portuguesa.
-¿Que diferencias existen entre o cocido luso e o galego?
-Non son moi diferentes. O Cozido á Portuguesa é parecido ao galego pero leva cenoria e acompáñase con arroz ao forno. As carnes que se usan son as de porco, vaca e frango (polo). Cócense todas as carnes coas patacas, coas hortalizas e coas cenorias... A carne de barriga ben cocida e afumada... O que non pode faltar nunca é un bo plato de arroz ao forno co cocido.
-Penafiel está entre os ríos Duero, Tâmega e Sousa. Unha zona moi produtora de viños que non faltarán na mesa...
-Non. Levaremos viños verdes tintos e brancos e mesmo maduros. E, antes do cocido serviremos, salpicón, cogumelos e unha ampla variedade de boliños de carne e de bacallao. Para a sobremesa; un queixo da serra, auroriñas e boliños de amor que son moi doces. Un grupo de clientes do meu restaurante irán dende Portugal ata Lalín para comer o meu cocido.
-¿Cantos ven servindo habitualmente?
-Unha media de 120.