O Estudiantil lidera con máis vantaxe a Liga, e da un paso de xigante na loita polo ascenso

La Voz

RODEIRO

A falta de cinco xornadas para a conclusión da Liga no grupo-5 de Segunda Autonómica, practicamente todos os equipos intúen cara onde van os seus pasos. Trala disputa da pasada xornada, o Estudiantil é máis líder ca nunca ao avantaxar en cinco puntos ao San Mamed, o seu máis directo competidor. O Agolada segue adiante coa súa meritoria tempada e sitúase sétimo con 39 puntos, seguido do Silleda con 38, o Vilatuxe con 38, o Laro con 37 e o Cogal Rodeiro con 36. O Vea e o Tabeirós seguen de pechacancelas.

Vilatuxe 1-1 San Marcos

O Vilatuxe-San Marcos deu comezo cunha sentida homenaxe do club ao finado Santi Medela, ao que os de Luís querían dedicarlle a vitoria. Os dezanos, no seu retorno ao campo de Vilatuxe, tiveron que conformarse cun empate despois dun partido no que fixeron unha gran primeira metade, e no que se adiantaron con gol de Bandeira. O San Marcos non viaxara só de visita, e na segunda parte apertou aos lalinenses e forzou o empate aproveitando que os locais baixaron o seu ritmo.

Agolada 3-0 Tabeirós

Ao Agolada sobroulle a segunda parte para dar boa conta do Tabeirós. Os de Ángel chegaron ao descanso co 3-0 no marcador, e sen pasar apuros, de modo que o técnico optou por dar minutos no segundo tempo aos menos habituais. Romero (2) e Jose foron os autores dos goles agolenses.

Laro 5-1 San Mamed

O Laro protagonizou a goleada da xornada a un San Mamed que se puido deixar o ascenso na localidade silledense. Os de Milucho adiantáronse no minuto un de partido e tiveron atino á hora de subir o segundo antes do descanso. Con ese rédito no marcador, o Laro apostou por non mudar o prantexamento, e ante un San Mamed que abriu liñas para ir a polo empate, os trasdezanos souberon aproveitar as ocasións que crearon. Milucho explicaba que o marcador era excesivo, pero subliñaba o bo traballo do seu equipo. Javicho (2), Toni, Cacheda e Dani foron os anotadores.

Cogal Rodeiro 1-2 Silleda

O Cogal Rodeiro reeditou o partido vivido en A Baña. Ao cuarto de hora os de Estrella encaixaban xa un 0-2 que non foron quén de recuperar. Dúas dianas de Álex déronlle o trunfo aos pupilos de Casal, que souberon administrar a súa vantaxe, e mesmo dispuxeron de máis opcións que non chegaron a subir ao marcador. Ovidio no 85 subía o 1-2 ao luminoso, pero o conxunto de Rodeiro quedábase sen opcións para a igualada.

Portomouro 1-0 Vea

O Vea encaixou o 1-0 no tempo de desconto tras aguantar 90 minutos a un rival que non lle creou apenas ocasións. Os de Manolo fixeron un partido ordenado e bo tacticamente, pero careceron de atino á hora de batir a meta contraria. O Portomouro tampouco foi quén de crear ocasións, salvo a do gol, que xurdiu a balón parado.

O Pino 1-2 Estudiantil

O Estudiantil tivo que empregarse a fondo para vencer a un O Pino moi duro e que prantexou un partido moi trabado. Os de Loimil conseguiron adiantarse 0-2 no marcador con goles de Ángel e Chenel, e non foi ata o minuto 75 cando encaixaron o tanto do equipo coruñés. Os de Juan dispuxeron de máis ocasións para marcar, pero non conseguiron atoparse cómodos nun encontro de constantes paróns.