As motos toman Deza

Amelia Ferreiroa

DEZA

Moteiros de Zamora, León e Toledo confirmaron xa a súa participación na concentración lalinense da fin de semán

16 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Aínda coa resaca da celebración do Rali do Cocido da pasada fin de semán, Lalín prepárase para acoller outro evento deportivo multitudinario. Chega a concentración moteira, que arrancará este venres e terá continuidade ata o domingo. A capital dezá será a base de operacións pero os afeccionados ao mundo das motos terán oportunidade de coñecer outros rincóns. «O sábado pola mañán temos previsto ir ata Silleda e logo a Forcarei, para dar unhas voltas polo circuito que teñen alí, e posteriormente baixaremos polo Candán. O domingo haberá outra saída e será nese caso ao Concello de Agolada para visitar os Pendellos», explica Carlos Seijas -presidente do Motoclub Lalín Kilómetro 0-; colectivo organizador do evento.

A programación da concentración deste ano comezará este venres ás 16.30 horas coas inscripcións para, de seguido dar paso á actuación dun grupo musical «e gran festa para todos os Pepes e Pepas. Ao coincidir coa festividade de San Xosé decidimos facer unha verbena para todos os públicos. Ao día seguinte, sábado, ás once abriranse as anotacións e comezará o desprazamento a Silleda -do que falei antes-. É de agradecer o xesto de Toño, da Robleda, que tamén é motorista e que nos obsequiará con pinchos despois da baixada do Candán e no bar Pepe tamén tomaremos unhas cervexas ese mesmo día».

A organización do evento volta a traer a Lalín un espectáculo acrobático, que foi seguido por numeroso público o ano pasado. «No centro comercial Pontiñas estará o subcampeón de Portugal de acrobacias sobre moto e tamén un neno, de nove anos, que fai unhas acrobacias absolutamente espectaculares. Haberá dúas actuacións: unha o sábado, máis pensada para os moteiros e outra o domingo pola tarde para o público en xeral». Unha degustación de porco ao espeto e de cocido de Lalín completa un amplo programa de actividades ao que se prevé asistan máis moteiros que no pasado exercicio. «O ano pasado houbo 610 inscritos. Pensemos que moitos veñen pola súa conta e non se anotan, polo que a cifra final é moi superior. Levamos douscentos inscritos, de momento. Veñen de toda Galicia, León, Zamora, Toledo... O señor Raúl, de Alxeciras, foi o primeiro en anotarse. Aos seus 74 anos viaxa cunha moto de 400 quilos; unha xoia con calefacción. Estivo o ano pasado e non dubidou en repetir a experiencia».