«O 15% da produción de galletas véndese en Portugal»

DEZA

A firma participou no recente concurso Innoforum, no salón gastronómico que tivo lugar en Santiago

28 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A firma Galletas Daveiga optaba esta semán a un dos premios á innovación tecnolóxica do concurso Innoforum, organizado polo Forum Gastronómico Santiago 2010. O premio nono foi para a firma asentada en Chantada e promovida por veciños de Rodeiro, pero a súa nominación demostra que esta empresa segue buscando sorprender ao mercado. Unha empresa que apostou por un produto diferenciado e de calidade, as súas galletas mariñeiras, que encontra xa un oco crecente entre os consumidores.

-¿Por que esta nominación súa no concurso Innoforum que tivo lugar en Santiago de Compostela?

-Acabamos de sacar unha versión das nosas galletas mariñeiras que nós chamamos especial canapé, pensada para restauración e hostelería. Pensamos que podía ter posibilidades nun certamen centrado na innovación en gastronomía.

-Levan tres anos comercializando as galletas mariñeiras. ¿Que balance fan ata o momento?

-Mantemos o concepto orixinario do produto, e o traballo e a experiencia foinos marcando o camiño para estratexias que en principio non tiñamos previstas no proceso de comercialización. Iso pasou, por exemplo, coa versión ecolóxica das galletas, que vimos que ten un mercado interesante e que ademais nos serve para reafirmarnos na aposta pola seguridade alimentaria, unha cuestión clave na demanda dos consumidores, cada vez máis concienciados polo ecolóxico.

-Hoxe xa é máis facil atopalos case en calquera supermercado galego.

-En Galicia hoxe temos unha penetración de mercado interesante, tanto en tendas especializadas, onde hai unha demanda constante dende o principio polo produto, como en supermercados de distintas cadenas.

-¿Como é a situación fóra de Galicia?

-Neste momento, vendemos ao redor dun quince por cento da nosa produción no país veciño, Portugal. Todo elo grazas a un convenio cunha distribuidora de produtos saudables que vende a todos os grandes centros comerciais dese país.