Un club cun futuro prometedor

DEZA

Nos últimos tres anos o Callobre reinventouse. A súa aposta polos máis pequenos fixo que multiplicara o seu número de equipos, e mesmo que recuperase o sénior

26 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Corría o ano 1944 cando a inquietude dun grupo de mozos de Callobre os impulsou a formar un pequeno equipo de fútbol que se enfrontaba con asiduidade aos planteis de aldeas veciñas. Con altos e baixos, e algunha que outra paréntese no camiño, no 1977 a mocidade da aldea, con ganas de divertirse e practicar o deporte rei, xuntouse para dar un novo pulo ao Callobre, pasando a federarse e a competir de xeito regrado. Comezaba aí unha nova andaina para un club con historia que dende hai uns anos está a vivir unha época dourada.

Hai tres anos, un grupo de socios, con Juan González á cabeza, tomou as rendas do Callobre, reestruturando o club nunha escola de fútbol (que abrangue a todos os equipos de fútbol-7 ata a categoría alevín), e en equipos de fútbol-11, que este ano inclúen un conxunto sénior en Terceira Autonómica. En total, arredor de 170 xogadores (entre federados e non federados) que proceden de A Estrada, e Forcarei, e que se distribúen en 10 equipos.

A idea de distribuír aos equipos de base na escola e no fútbol-11 ven dar resposta á filosofía que preside o Callobre. Baixo a premisa de que o fútbol é unha ferramenta para «formar persoas», o club estradense tenta inculcar aos máis pequenos as nocións fundamentais do deporte rei. Os resultados son o que menos importa, e polo tanto, todos os nenos teñen as mesmas oportunidades á hora de xogar. A pesar de que nas categorías de fútbol-11 o Callobre tenta dar continuidade a esa idea, o certo é que aposta por compaxinala con resultados e bo xogo.

Nos últimos anos, a seria aposta de traballo que fan os 18 integrantes da directiva do Callobre viuse traducida nun maior número de rapaces, sobre todo na base, tendo que dobrar equipos en toda a escola. No club consideran importante contar cun número amplo de nenos nas categorías inferiores para que a medida que medran pasen a formar parte dos equipos de fútbol-11. Ata o de agora, a experiencia está a ser positiva, e mesmo esta tempada o club adoptou a decisión de recuperar o equipo sénior para dar saída aos xuvenís que remataban ciclo. O equipo, que milita en Terceira Autonómica, está formado por xogadores saídos de xuvenís, e aos que precisamente esa mocidade lles está pasando factura en canto a resultados. Claro que no club xa contaban con iso; de feito, a idea era agardar máis para comezar co equipo sénior, pero pesou máis a idea de dar saída aos xuvenís, que a dos resultados.

O Callobre ten unha fiestra aberta aos máis novos nas actividades de fútbol que imparte a través das ANPAS dos centros Pérez Viondi, Figueroa, Lourdes, O Foxo e Souto de Vea. Dos escolares que participan nas actividades extraescolares, algúns pertencen a maiores á disciplina do Callobre, estando federados co club e formando parte dos seus equipos. Dende o club estradense apuntaban que as actividades de fútbol cos colexios sumaron nenos á canteira.

Unha máquina engraxada

A continua evolución que sufriu o Callobre nos últimos anos non é froito da casualidade, senón do traballo. Cando o equipo do que forma parte Juan González, como presidente, tomou as rendas do Callobre, acordaron que o único xeito de sacar adiante o proxecto era con traballo constante e distribución de funcións; «para nada é un réxime presidencial», subliñaba González. De aí que cada equipo conte cun delegado na directiva que transmite as necesidades e realidade dos xogadores.

Á hora de conseguir o finanzamento preciso para saír a diante, o Callobre bota man de patrocinios, carnés, escola, publicidade, e tamén de axudas. A do Concello dobrouse no último ano ata roldar os 14.000 euros. Parte desa axuda débese a que o Callobre é o propietario das instalacións e campo que ocupa, e polo tanto, debe responsabilizarse do seu mantemento.

Precisamente acometer melloras no campo, sobre todo dotalo de céspede artificial, atópase entre os obxectivos do club, pero haberá que postergalo para cando corran mellores tempos. Mentres, o Callobre confía en seguir medrando.