«Estou estreitando lazos afectivos con Galicia»

Amelia Ferreiroa

DEZA

Fred Martins e Uxía darán esta noite un concerto en Lalín no que estrearán un tema adicado a Compostela

19 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Fred Martins leva un tempo en Galicia onde está a dar concertos, como o que ofrecerá esta noite na sede do colectivo A Tarabela de Lalín ás 22.00 horas xunto a Uxía, e aproveita tamén para compoñer. Este cantautor e compositor conta con 4 traballos discográficos na rúa para os que contou con colaboracións de grandes artistas coma María Rita, Ney Matogroso ou Zélia Duncan. No ano 2008 lanzou un disco adicado á musicalidade de Río de Janeiro e foi gañador do noveno Premio Visa de Música Brasileira. Dende cativo sente interese pola composición, segundo recoñece. -Sendo unha crianza xa sentía interese por compoñer. Tería dez ou once anos e xa facía algunha cousiña e comecei mesmo a tocar a guitarra. Certo é que a composición brasileira é toda unha tradición no meu país, no que hai moitos e bos compositores. -¿Como xurde esta visita e esta xira de concertos en Galicia? -O pasado verán coñecín a Uxía en Compostela. É unha persoa moi coñecedora da música brasileira - e levamos a cabo algún concerto xuntos- e dende entón estou estreitando lazos afectivos e musicais con Galicia. Atopei aquí un lugar moi próximo culturalmente con Brasil. Síntome moi ben en Galicia e a miña intención é voltar. No que se refire aos concertos viñen convidado polo Ciclo Portuarias de Ferrol, estiven no Festival Cantos na Maré de Pontevedra e este sábado estarei en Ourense nun concerto no que compartirei escenario con Uxía e con Guadi. -¿Cales son os proxectos máis inmediatos de Fred Martins? -Pretendo comezar un novo album con poesía lusitana, literatura de Brasil e Portugal e seguir traballando coa xente que coñecín aquí. -¿Que interpretarán no concerto desta noite en Lalín? -Uxía vai interpretar algunhas das miñas composicións e imos presentar unha novidade. É unha canción que compuxen e que está adicada a Compostela que se titula «A Casa da Xente». É unha presentación que faremos en lalín dun tema que quero incluir nun disco que lle dedicarei ao Xacobeo. -¿Como calificaría a experiencia musical que está vivindo na nosa comunidade? -De extraordinaria. Está sendo unha experiencia moi positiva na que estou atopando moitos amigos e da que están xurdindo interesantes proxectos a desenvolver con Uxía, con Guadi e con Ugía Pedreira de Marful. O vindeiro 21 de marzo volto a Brasil pero teño interese en volver a esta terra.