Santo Torrisco sube á capela

Amelia Ferreiroa

DEZA

A Asociación O Naranxo de Lalín estreará o sábado de Antroido o «Vermú de Señoritas e paseo pola rúa Peatonal»

06 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Ao remate da Feira do Cocido deste domingo en Lalín, a Asociación Cultural O Naranxo dará o pistoletazo de saída á programación do Antroido deste 2010. «Antes a procesión do Santo Torrisco era o sábado de Antroido. Unha procesión que conleva entrar en máis dunha taberna e o santo acababa coma o Rosario da Aurora. Por iso, pola cantidade de bares a visitar, decidimos trasladar xa a Santo Torrisco este mesmo domingo dende o Barriga Verde á Cacharela. Alí quedará na capela ata o domingo de Antroido», así o explica Alberto Granja -secretario do colectivo O Naranxo-. Un traslado do santo no que non faltará música e cantos. Santo Torrisco chegará ao barrio de A Cacharela acompañado pola Rondalla de Brántega, e por un bo número de músicos, que interpretarán un amplo repertorio de boleros e de vellas cancións. Para aqueles que queiran cantar, Alberto Granja recoméndalles «descargar da páxina web da asociación o folleto con todas as cancións que se van interpretar. Alí están todas as letras». Ao carón do santo, unha vez en capela, se ubicará unha cesta para que os interesados depositen as súas rogativas. «Os problemas dos que se queira librar cada un que o poña nun papel, que o deixe na cesta das rogativas e o mércores todo se queimará xunto co Antroido. O santo é moi milagreiro pero o que de verdade é un milagre é que o Naranxo continúe facendo o Antroido despois de vintecinco anos». A programación da asociación O Naranxo para este Antroido recolle algunhas novidades; unha delas é o «Vermú de señoritas e Paseo pola rúa Peatonal» que se celebrará o vindeiro sábado. Trátase, segundo Granja, de homenaxear a dúas persoas de Lalín que saían de día disfrazados de mulleres. «Pepe Nistal e Senande eran dous homes ben serios que se transformaban completamente no Antroido. Vestidos de muller ían tomar o vermú coma se nada... Os veciños sempre estaban agardando os disfraces deles os dous e os seus paseos. Nós, pedímoslle autorización as súas familias, e imos tributarlles este pequeño recoñecemento». Posteriormente, o sábado pola noite, haberá procesión de Santo Torrisco con acompañamento da Banda da Casa do Antón, dos gaiteiros de Saídres e de Bico da Balouta. O domingo, o barrio de A Cacharela celebrará un gran Antroido con xogos para os cativos ao longo da tarde con saída do Cacharelo e música en directo. Non será ata o mércores cando se saiba quen será queimado. «Podemos avanzar que será un político, como ven sendo habitual, e coma sempre convidamos aos veciños de Lalín a participar plenamente en todas as actividades que se levarán a cabo con motivo do Antroido».