Reparto de puntos entre Vilatuxe e Estudiantil

La Voz

SILLEDA

Trala última xornada de Liga en Segunda Autonómica o Estudantil sitúase terceiro, o Agolada é oitavo, o Cogal Rodeiro é noveno, o Vilatuxe sitúase décimo e o Silleda undécimo. Vea e Tabeirós pechan a clasificación.

Vilatuxe 0-0 Estudiantil

O derbi da xornada acabou en táboas despois de que cada equipo dispuxera dunha metade. Os pupilos de Luís González Pichel foron os amos e señores do partido na primeira metade pero non conseguiron subir ningún tanto ao marcador. Tralo receso os de Juan Rey tomaron a batuta do encontro e gozaron de 45 minutos de acoso á meta lalinense. Non tiveron tampouco a fortuna suficiente para finalizar e anotarlle a un Vilatuxe que defendeu con orde e tino.

Tabeirós 1-5 A Baña

O A Baña non sufriu moito para impoñerse ao Tabeirós. Os coruñeses venceron 1-5 ao equipo estradense, que segue colista.

San Marcos 2-1 Silleda

O Silleda voltou de San Marcos coas mans baleiras. Os de Pepe Casal comezaron ben o encontro adiantándose na primeira metade cun gol de Álex, e dispuxeron de ata catro ocasións para matar o partido, pero perdoaron e nun rexeite tras un saque de esquina o San Marcos empatou. A partir de aí debuxáronse uns minutos de incertidume para o Silleda, que mesmo parou un penalti. Trala reanudación os de Casal foron a polo encontro e acosaron ao San Marcos, sen embargo, un erro dos trasdezanos permitiu ao conxunto coruñés subir o segundo da tarde.

Laro 1-3 O Pino

O O Pino levouse en media hora os tres puntos. O conxunto coruñés aproveitou que o Laro saíu frío ao partido para anotar o primeiro tanto aos dous minutos. Tras uns instantes fóra do choque, o Laro centrouse e comezou a marcar a pauta, dispoñendo de ata tres oportunidades. Outros dous erros remataron coas opcións locais, que á media hora de partido xa encaixaba un 0-3. O Laro gozou de algunha ocasión de gol, pero non foi ata o minuto 85 cando Jorge subiu o 1-3.

Rodeiro 2-0 Portomouro

Os de Estrella volveron ao camiño da vitoria cun 2-0 ao Portomouro. O encontro debuxouse cómodo para o Cogal Rodeiro tanto en xogo como en ocasións de gol, pero tiveron que sufrir ata o último cuarto de hora do encontro para subir o primeiro tanto ao marcador, obra de Fran. Logo chegaría o segundo da tarde, asinado por Gabucho, e algunha ocasión máis.