O Balonmán Lalín, aínda que semella non atopar o seu camiño na cancha, só conta cun punto menos que a tempada pasada; iso si, pasou de situarse cuarto, a oitavo
11 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Se unha revisión numérica pode resultar indicativa de como vai a tempada para un equipo, analizando a liña do Balonmán Lalín podería extraerse a conclusión de que poucas cousas mudaron respecto da campaña anterior. Alomenos, se se atende ás cifras. Logo do empate do pasado sábado na cancha do Medicentro Gijón o BM Lalín conta con 8 puntos no seu haber, tan só un menos que a Liga pasada. Ben diferente é o posto que ocupan os pupilos de Alberto Miguélez respecto á mesma altura da campaña anterior, xa que o conxunto dezano pasou de ocupar o cuarto posto da clasificación a situarse oitavo. Ben é certo que nos atopamos ante campionatos que semellan ser ben diferentes: a Liga pasada a Avilesina lideraba a táboa con 10 puntos, seguida da SAR, cun menos, e logo xa se atopaban Novás e Lalín. Esta tempada o OAR só cedeu un punto en todo o que vai de Liga, o Chapela só perdeu un encontro, e o Base Oviedo, terceiro, ten 10 puntos. Os números cos que a SAR era segundo a Liga pasada, esta campaña só lle valerían para ocupar o cuarto ou o quinto posto da táboa, que é no que arestora se sitúan Avilesina e Novás. E é que este campionato os equipos que aspiran aos primeiros postos están a permitirse menos erros, e debuxan unha Liga moito máis frenética que a campaña pasada na zona alta.
Mentres, nunha zona templada, sitúase un Balonmán Lalín que xa empatou nas sete primeiras xornadas máis partidos que en toda a Liga pasada. Se hai tres semanas o Lalín colleitaba un empate in extremis ante o Cisne, o pasado sábado cedía un punto no desconto ante o Medicentro. Semella que o conxunto roxinegro non acaba de sentirse cómodo na cancha, e mesmo encontros que ten de cara acaban complicándoselle, como foi o caso do empate da semana pasada en Gijón.
Os puntos que acumula o BM Lalín este ano son froito de dúas vitorias, tres empates e dúas derrotas, mentres que a Liga pasada, con Javier Barrios á fronte, o conxunto dezano acumulaba catro vitorias e tres derrotas. Dende o banquillo dezano a valoración que se está a facer esta campaña fala dunha «boa liña que podía ser mellor», en palabras de Alberto Miguélez. E é que o non ceder puntos na casa erixiuse como a chave mestra dos lalinenses para afrontar a Liga, e o graneiro de puntos.
Mentres o BM Lalín tenta atopar a súa liña a seguir, o primeiro equipo agarda tamén a recuperación dos lesionados. Bruno confíase en que esté listo para a visita do Novás, Nico ten aínda por diante algúns días máis, e Josiño semella que causará baixa alomenos outro mes. O xogador sentíase case recuperado da súa rotura fibrilar, pero unha ecografía revelou que a lesión aínda non cicatrizou, polo que deberá rebaixar o seu ritmo de traballo e podería estar arredor doutro mes de baixa.