A ilustración da artista lalinense, colorista e costumbrista, será a que envíe o Concello para felicitar o Nadal
11 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.O alcalde de Lalín, José Crespo, encargoulle á artista Carmen Payo Cangado a elaboración da postal coa que felicitará as festas de Nadal a todos os veciños. A pintora lalinense, que vive e traballa en Vigo como orientadora, xa rematou a ilustración.
-Fixen unha maternidade que xa está rematada e entregada. Xa está no concello e espero que lles guste a todos. É unha maternidade moi tenra... Unha nai co seu fillo, paréceme moi axeitada para esas datas de Nadal.
-Na liña dos últimos traballos de Carmen Payo...
-É do estilo que fago. É costumbrista e colorista.
-¿É a primeira vez que lle fixeron un encargo destas características?
-Habitualmente fago postais de Nadal para enviar a amigos e familiares, pero é a primeira vez que un concello me encarga a elaboración dunha postal.
-E que a petición proceda do seu concello de nacemento...
-É absolutamente entrañable. Agradecín moito que me fixeran esta solicitude. Agradezo que o alcalde pensara en mín para facer esta postal. Supón para mín un premio, un regalo de reis antes de tempo, o haber feito esta ilustración que irá a parar aos fogares de todos os lalinenses -moitos deles coñecidos meus-.
-¿Mantén moito contacto coa vila?
-Aí está parte da miña familia, aí pasei moitos anos e lembro a casa dos meus avós que eran labregos e o ben que o pasabamos. Fixen exposicións na comarca. Estiven no Museo Municipal Aller Ulloa e recentemente tamén levei un par de cadros para a mostra que se fixo nos Pendellos, de Agolada. Unha experiencia fantástica, por certo.
-¿Na súa axenda está outra mostra próxima na comarca?
-De momento, non. Son unha artista que pinto de vagar e non teño moito tempo libre para adicarme á pintura. Certo que agora estou de baixa e dispoño dalgunhas horas máis para adicarme a esta vocación.
-¿Canto comezou a súa vocación pola pintura?
-Foi unha vocación tardía. O primeiro que fixen foron retratos e posteriormente viñeron as figuras, as caricaturas... Agora estou voltando para atrás e empecei novamente coa figura e facendo un pouco de todo. O vivir ao carón do mar fai que sexa un elemento que se reflicta habitualmente nos meus cadros. As mariñas, as mariscadoras aparecen nos meus lienzos pero tamén os meus orixes. Tanto se poden ver esceas vencelladas a ese mar que tanto engancha coma o interior de Galicia, a comarca de Deza, que levo dentro e que me veu nacer.