A defensa do «galeguismo empresarial» convertiuse onte no eixo central da xornada Empresa e identidade , promovida polo Foro Enrique Peinador co fin de potenciar o uso do idioma propio no mundo dos negocios. Empresarios e comerciantes locais ateigaron a sala de Caixanova na Estrada para seguir o programa, inaugurado cunha declaración de intencións. O presidente do Foro Enrique Peinador, Xosé González, falou da coexistencia de «dúas Galicias desencontradas»: a cultural, na que o galego se fixo escoitar, e a empresarial, onde aínda queda moito camiño por andar. González pediu ás institucións públicas que fomenten e protexan os dereitos vencellados ó galego, ós empresarios que aposten polo galego para reforzar a súa identidade na globalización dos mercados e ós consumidores que colaboren mercando marcas etiquetadas en galego. Aproveitando a presencia do secretario xeral de Política lingüística, Anxo Lorenzo, instou ó goberno galego a «empeñarse na defensa da lingua galega sen reviravoltas». Lorenzo respostou recoñecendo a necesidade de «aplicar iniciativas que permitan que as empresas, sempre de forma voluntaria, poidan desenvolver a súa actividade na lingua propia de Galicia».