Profesionalizar e dinamizar o sector hostaleiro lalinense

Amelia Ferreiroa

DEZA

Elaborar un rueiro e acudir a cursos, entre os obxectivos

04 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Comezaron sendo catro. Hoxe xa son catorce os hostaleiros de Lalín interesados en aglutinarse dentro dunha sección da Asociación de Empresarios de Deza. Para elo será preciso voltar a intercambiar opinións entre hostaleiros e presidente da Asociación de Empresarios de Deza. O encontro está fixado para o vindeiro mércores, e ao mesmo o grupo de hostaleiros acudirá coas ideas moi claras. «Somos un grupo de profesionais que temos inquedanzas. Queremos formarnos e promover actividades de grupo. Por iso pensamos en estar dentro desa sección da AED. Dos catorce que estamos agora con este proxecto, oito penso que non son socios pero pasarían a selo», afirma o hostaleiro Emiliano García Méijome.

A intención deste grupo de profesionais é integrarse plenamente na Asociación de Empresarios de Deza para «aproveitar as magníficas infraestructuras que posúe o colectivo. É unha entidade cun bo soporte e nós nos centrariamos en profesionalizar e dinamizar o sector».

No encontro co presidente da Asociación de Empresarios de Deza, José Luis Vila, o grupo de hostaleiros lalinense lle prantexará a posibilidade de que un deles figure na xunta directiva da patronal dezana. «Pola nosa banda, dentro do grupo habería un equipo de traballo pero non funcionaríamos como asociación independente xa que estaríamos englobados na AED». Emiliano García Meíjome asegura que coa posta en marcha deste proxecto, e vendo as incorporacións paulatinas ao grupo, estarían en disposición de aumentar o número de asociados á AED. «Posiblemente poidamos estar falando de cincoenta novas adhesións. O importante, de todos os xeitos, é a calidade e non a cantidade. Cando nós empezamos eramos só catro hostaleiros e hoxe xa estamos dándolle voltas ao proxecto un total de catorce persoas. O que nos une é o dinamismo. Non queremos estar parados pero o primeiro será reflexionar todos sobre o que podemos mellorar, e a partires de aí pórse a traballar».

Facer un amplo e completo rueiro de Lalín, acudir a feiras especializadas e solicitar todo tipo de cursos formativos son algunhas das intencións que teñen os profesionais que- de momento- só contan con lalinenses nas súas filas. «Máis para adiante xa iremos vendo como resulta todo pero, até agora, a idea e os prantexamentos só se están realizando con hostaleiros da vila».