«Son fadista: aínda que cante un tango, sempre sae o fado»

Álex Rodríguez Rey

DEZA

María do Ceo actuará na Praza da Igrexa o día 14, onde presentará o seu último traballo discográfico

08 ago 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A fadista tradicional María do Ceo ofrecerá un concerto en Lalín o venres da vindeira semana, día 14, na Praza da Igrexa. Nesta actuación, a recoñecida cantante aproveitará para repasar as cancións da súa traxectoria artística, e en especial do seu último traballo discográfico, No bico un cantar, publicado o ano pasado.

-É considerada por moitos a sucesora de Amalia Rodrigues. Que se sinte ao ser comparada cunha artista tan especial?

-Prefiro que sexan os demáis os que pensen iso. Moita xente compárame con ela pola forma de cantar e polo estilo, sen embargo, Amalia era unha persoa que deixaba ao auditorio bloqueado cando articulaba a primeira nota musical. Tamén é certo que esta comparación poida ser debida a que as dúas somos dúas mulleres que nos fixemos a nós mesmas, pero o certo é que Amalia só houbo unha.

-O próximo venres ofrece un concerto no municipio de Lalín. É a primeira vez que actúa nesta localidade?

-Pois a verdade é que non. Xa actuei unha vez en Lalín, pero non foi nun concerto senón que foi nunha Gala do Cocido que emite a TVG.

-Como afronta este concerto?

-Teño moitas ganas de actuar, porque vai a ser o meu primer concerto en Lalín. Ademais, nun principio o concerto ía a ser no auditorio pero finalmente vai ser ao aire libre nunha praza moi fermosa. Estou moi contenta porque teño un gran cariño pola xente que traballa no concello e ademais teño grandes amigos nese municipio. Para min sempre é un pracer poder actuar en calquer localidade, independentemente se é grande ou pequena.

-O seu último traballo discográfico supuxo cambiar o fado pola literatura galega. Como valora este cambio?

-Ante todo sigo sendo fadista, porque aínda que cante un tango ou un bolero, sempre me sae o fado. A cuestión é que a xente sinta o que eu canto, e ao mesmo tempo, ser capaz de facer vibrar ao público que me escoita. Considérome unha persoa moi privilexiada porque son moi querida pola xente, e tamén porque son capaz de transmitir o que realmente quero transmitir.

-A última pregunta é obrigada. Lalín é coñecido polo seu famoso cocido. Probou vostede algunha vez o cocido de Lalín?

-É un prato que me encanta e que probei moitas veces. De feito, cando vin actuar á Gala do Cocido foi unha das primeiras veces que o probei e a verdade é que quedei encantada. Nesta ocasión, e pola época do ano na que nos atopamos, non creo que o deguste, pero intentarei probar novamente o lacón, os chourizos e as patacas cocidas.