O Balonmán Lalín volta mañá ao traballo con Miguélez á fronte

PONTEVEDRA CIUDAD

02 ago 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Acabáronse as vacacións para a plantilla do primeiro equipo do Balonmán Lalín. O conxunto de Primeira estatal volta mañá ao traballo, dando comezo oficialmente a pretempada 2009/10. Non serán poucas as novidades coas que inicie o traballo o primeiro equipo, comezando polo nome do home que dirixirá á plantilla. Tralo paso de Javier Barrios polo banquillo dezano, Alberto Miguélez, considerado como un home da casa, toma as rendas do primeiro plantel.

Miguélez, que xa dirixiu a diferentes categorías do Balonmán Lalín, incluído o equipo de Primeira Autonómica, estará á fronte dunha plantilla que polo de agora, incluirá a 16 xogadores. Según explicou o propio técnico, as novidades respecto ao conxunto da pasada tempada pasan principalmente pola baixa de Gustavo. «En principio, seguen todos os xogadores do ano pasado, salvo Gustavo, que marcha», explicou Miguélez. No capítulo de altas, incorpóranse dous homes que xa estiveron ás ordes do novo técnico do BM Lalín: Nico e Roibás. Ademais, durante a pretempada Alberto Miguélez traballará tamén con dous xogadores que se manteñen aínda en idade xuvenil: o primeira liña Uxío, e o porteiro Ivi. En canto a posibles incorporacións, Miguélez non pechou as portas a algunha chegada.

Reparto de tarefas

David Carbón acompañará a Alberto Miguélez esta tempada no banquillo lalinense. Carbón tomará a responsabilidade de adestrar aos porteiros, unha tarefa que tamén comezará a partir da vindeira semana. No seo do BM Lalín consideran que non hai tempo que perder, e a volta ao traballo levará parella ademais a disputa de varios encontros amigables; o primeiro deles será xa o próximo sábado, día 8, na casa do Xiria. O seguinte compromiso amistoso que deberán afrontar os lalinenses na súa posta a punto será na casa do Teucro o día 12, unha visita que os pontevedreses devolverán o día 20, dous días antes de que o Lalín de Miguélez afronte o seu primeiro compromiso oficial.

O 22 de agosto o BM Lalín enfrontarase á SAR redondelá no Municipal no primeiro partido da Copa Galicia; a seguinte eliminatoria está calendada para o día 28, se superan o primeiro chanzo. O mércores 26 é outra das datas marcadas no calendario do BM Lalín, xa que visitarán ao Lavadores.

Polo momento, á espera de que cheguen os encontros amigables, Miguélez programou sesións de traballo diarias de cara a volver a coller o ritmo de traballo. O reencontro da plantilla tralas vacacións están previstos para mañá a partir das 20.30 horas.

Ilusión e ganas

A pouco máis de 24 horas para poñerse á fronte do BM Lalín de Primeira Nacional, Alberto Miguélez confésase ilusionado e con ganas. «Ganas de empezar a traballar sobran; este é un novo reto para min, e estamos todos traballando con moitas ganas e moita ilusión por este novo proxecto».

O traballo do club

Mentres aos xogadores lles toca volver a adestrar, a directiva do BM Lalín continúa a traballar no eido organizativo. Ata o de agora aínda non se asinou ningunha esponsorización, pero o club traballa nese sentido. Polo momento, xa comezaron a xestionar unha das fórmulas de ingresos tradicionais, a venda de lotaría de Nadal, que xa comeza a estar dispoñible nalgúns establecementos.