O extremo confía nas opcións do Buda para impoñerse ao Novás, e apela á melloría da imaxe do seu equipo
13 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.O Balonmán Lalín de Primeira Nacional disputa mañá un dos grandes partidos da tempada. Os lalinenses reciben ao Novás, un equipo co que os dezanos manteñen unha tradicional rivalidade, e que chega ao pavillón municipal ostentando o liderato. Martín Iglesias lembraba onte que o Lalín-Novás é un dos clásicos da categoría, e un partido que a bo seguro poñerá aos dous planteis a traballar ao cen por cen.
-Chega o Novás, despois de que o Chapela marchara hai dúas semanas cos puntos.
-Si. O Novás é un rival ao que sempre lle temos ganas e contra o que nos gusta xogar. No partido de ida estiveramos a punto de dar a sorpresa, e mañá temos que tentalo de novo. Xa non só polos dous puntos, senón tamén para esquecer a imaxe do partido contra o Chapela.
-Aquela derrota doeu máis do habitual.
-Temos que dar mellor imaxe da que ofrecemos ante o Chapela, porque perder de oito, e nun partido que todos considerabamos moi importante, non lle gusta a ninguén. O primeiro é mellorar a imaxe de cara a nós mesmos, e tamén de cara á afición. Darlle a volta ao que se viu hai dúas semanas é un dos obxectivos.
-¿Como ve o partido contra o Novás?
-Aínda que xa está todo practicamente decidido, se gañamos mañá e o xoves, poderíamos estar preto deles. Aínda que gañar sempre é unha motivación, pensar que podemos acabar a Liga terceiros, sería unha motivación extra para nós.
-De todos xeitos, o Novás non vai vir a Lalín a pasear; ten o primeiro posto da Liga en xogo.
-Si, iso está claro. Ten ao Chapela a só un punto, e está en xogo o título de Liga. Ademais, este ano o sistema de fase premia con dous puntos ao campión de Liga, e con un ao segundo, polo que rematar campión ou subcampión é moi diferente. O Novás sabe moi ben que se mañá perde en Lalín, e o Chapela gaña na casa da Avilesina, perdería o liderato.
-O equipo de O Rosal non se perfila logo fácil de bater.
-Para nada. Eles son un grupo moi similar ao dos últimos anos; a maioría son de alí, e son un equipo moi sólido e que traballa con intensidade. Fora baixa algo o rendemento, como nos pasa a todos, pero aínda así é un rival moi complicado.
-¿Que opcións ve entón?
-Nós opcións témolas todas; é un rival ao que lle temos moitas ganas, e esperemos que iso non nos inflúa para mal. Xogamos na casa, e hai que facerse fortes. Hai que facer un bo partido, e ser constantes os sesenta minutos.
-A constancia puido fallar ante o Chapela.
-A falla de constancia é un mal de Lalín dende sempre, tanto nas categorías de base como no primeiro equipo. Nós, cando facemos mal as cousas, facémolas moi mal, e eses momentos fúndennos; a nós nunca nos vai mal a medias. Igual tamén cando nos vai ben o traballo, pois chegan todas as opcións xuntas.
-A semana pasada non tiveron xornada. ¿Cre que podería pasarlles factura?
-Non creo; se fora na primeira volta, pois igual si, pero agora non creo.
-Para a semana o xoves toca viaxar a Tenerife.
-Si, xogar contra o Puerto Cruz o día da viaxe non creo que nos pase factura, pero viaxar o sábado a Carballo, despois de volver o venres, pois igual nos costa máis.