Manuel Blanco presenta hoxe ás oito da noite na Galería Sargadelos da Estrada o seu libro Nos dominios da incerteza. Historias económicas . Malia ó titulo, non se trata dun ensaio económico sesudo, senón dunha colección de relatos de trasfondo económico asumibles para calquera.
-De entrada, literatura e economía parecen mundos lonxanos, ¿como lle dou por misturalos?
-Eu son economista e me gusta a literatura e penso que, polo menos en galego, non había un libro así. É un libro de fondo de armario, unha aproximación irreverente á economía. Hai autores que tentan «complexizar» a economía para facer dela algo inintelixible para o público xeral. Hai quen cre que unha ama de casa non ten que saber que é a inflación, pero eu penso que si, que xa intúe o que é porque lle está afectando e que debe saber a que se debe. Ás veces téntase enganar á poboación, pero isto non é tan complexo como parece.
-¿Que se aprende dos relatos?
-Son parábolas que explican, a través de exemplos literarios, en que consiste a especulación, como funcionan os lobbys ou o circuito B do diñeiro.
-¿Ten algunha receta para combatir a crise?
-Se a tivera me faría rico (ri). Hai que aprender do pasado. A experiencia demostra que non se pode medrar indefinidamente nin se pode ter a esperanza de que vai vir o último panoli pagarme máis por algo do que paguei eu. A xente métese en cousas raras por cobiza. Todos aspiramos a vivir sen traballar, que é un castigo bíblico, pero o que teñen os castigos bíblicos é que é difícil escapar deles.