O circo itinerante Carpactiva, que chegou a dezaoito parroquias estradenses, ofrece hoxe a última función
18 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Comezou a andar a mediados do pasado mes de decembro aínda que a iniciativa -novidosa, por certo- se xestou con anterioridade no seo da Cooperativa Cultural. Así, baixo o nome de Carpactiva, comezou un percorrido polas parroquias do rural estradense dun circo itinerante.
-Que balance fan deste proxecto que agora remata?
-A acollida que tivo o Carpactiva foi moi positiva e o éxito de público foi impresionante. A Carpactiva tiña aforo para un máximo de setenta persoas e, en moitas parroquias, houbo que facer acrobacias para acomodar a cen persoas. Salientar que o circo itinerante tamén conseguiu chegar a todos os rangos de idades: cativos, adultos e maiores.
-Unha actividade novidosa, ¿que obxectivo perseguiu?
-Dende a Cooperativa Cultural loitamos por descentralizar a cultura de vilas e cidades e por dinamizar o rural con actividades como a que viñemos realizando. Habitualmente o teatro, o circo -ou calquera outra expresión cultural- se leva a cabo en grandes vilas, en cidades como pode ser o caso de A Estrada ou de Lalín. Ás parroquias non chega toda esa oferta e coa Carpactiva foi o que intentamos facer e penso que con éxito.
-Cantas persoas asistiron ás funcións?
-A falta de contabilizar o número de persoas que estén esta tarde na función que se fará en Souto de Vea, podemos falar de unhas 1.500 ou 1.800 persoas de A Estrada que se pasaron pola carpa itinerante. En cada parroquia se xuntaron entre oitenta e cen persoas. A verdade é que é unha cifra moi salientable se se tén en conta que falamos de parroquias pequenas nas que non hai costume de achegarse ao teatro ou ao circo.
-Vostedes o conseguiron, ¿como?
-Cun espectáculo ameno, e de balde para todos os asistentes, que comezamos en Guimarei o pasado 12 de decembro no que se conxugou humor e malabares.
-Cabe entón a posibilidade de repetir a experiencia e de celebrar unha segunda fase do Carpactiva?
-Iso está na vontade do Concello de A Estrada. Pola nosa banda non habería ningún problema e penso que o Concello tamén tén vontade de continuar con esta experiencia. A Carpactiva só estivo en dezaoito parroquias das 52 coas que conta este Concello, que é o máis grande do país.
-Algún outro Concello se interesou por esta iniciativa?
-De momento, non. Tamén teño que decir que non lle fixemos chegar a nosa proposta a outros concellos. O que é certo é que en Galicia se precisan de propostas coma esta debido á dispersión existentes. Os servicios, tamén, os culturais deben chegar ó rural. Non se lle poden dar aos veciños que viven nas aldeas galegas só asfaltados de pistas e novas farolas, que tamén. A cultura é preciso que chegue a todos.