O xogador máis veterano do equipo lalinense ten claro que a actual é unha tempada de cambios, pero considera que o traballo conxunto pode dar os seus froitos
13 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Dezanove tempadas co primeiro equipo do Balonmán Lalín. Esa é a bagaxe deportiva que atesoura Pablo Pedreira (Lalín, 1971), meta do Buda Lalín, e o xogador máis veterano do conxunto roxinegro. O pasado sábado converteuse no home de referencia do equipo de Javier Barrios grazas a un gran traballo baixo os paus. El quítalle importancia, a sabendas de que «levo moitos anos nisto, e sei ben que nun partido tes un bo día, e todo o mundo cho di, e outro non tes o día, e dinche que tes que irte».
-Xa van alá as sete primeiras xornadas da Liga. ¿Que diagnóstico fai do Buda Lalín?
-Eu vexo ben o equipo. Estamos aínda empezando, coma noutras tempadas, e cuns partidos mellor e outros peor, pero máis ou menos, coma sempre. Está claro que na casa sempre esperas gañar, e o outro día non o fixemos, pero iso tamén nos servirá para poñernos as pilas. Temos que ter moito coidado porque nesta Liga gaña calquera, aínda que xogues na casa e teñas o apoio e a inercia da afición.
-¿É tamén da opinión de que esta tempada de Liga está moito máis igualada ca outros anos?
-Este ano as diferenzas recórtanse moito porque os equipos teñen menos axudas, e polo tanto, programas o ano doutro xeito, e se non hai cartos pois non podes fichar, e o nivel pode resentirse. Hoxe en día se queres gañar cartos co balonmán tes que irte a División de Honra B; case non hai nin a quen fichar.
-Con case 20 tempadas no primeiro equipo, vería chegar e marchar a moitos xogadores, pero esta campaña as novidades son moitas.
-Este ano, respecto aos pasados ,son moitos os cambios na plantilla, e tamén a chegada de adestrador novo. A maior diferenza está en que este ano ademais de adaptarse ao adestrador, temos que adaptarnos todos os compañeiros, porque hai moitas novidades. Tamén é certo que, salvo Jorge García, que ven de Asturias, o resto xa estiveran nos equipos da base, ou marcharan e volveron...
-¿Bótanse de menos os que marcharon?
-Si se botan de menos, pero iso pasa sempre. Sabes que todo o mundo, tarde ou cedo, vai marchar.
-¿Iso vai por vostede?
-Non teño pensado nada sobre o futuro. Cando chegue o momento, pois chegará, e punto, pero iso non depende só de min. Depende da directiva, do adestrador... o que sei é que ségueme gustando xogar e adestrar, senón, non estaría aquí.
-Seguindo co apartado de cambios, este ano houbo tamén adestrador novo.
-Si, sempre que chega un adestrador novo, é un cambio máis ao que hai que adaptarse. Cada adestrador ten un xeito diferente de entender o balonmán, uns inciden máis no aspecto físico, outros no psicolóxico... Temos que adaptarnos todos a todos.
-Entre as decisións de Barrios, as rotacións dos porteiros están a ser habituais. ¿Que tal o leva?
-É normal, e ten de bo que sempre che serve tamén para aprender. É moi diferente ver os partidos dende o banquillo, dende a pista ou dende a grada. Ademais, Iago é o futuro, así que ten que entrar no equipo como sexa; por detrás vén tamén Ivi, pero aínda é máis novo.
-A nivel de xogo de equipo, ¿onde está o punto forte?
-O mellor é que no equipo sabemos das nosas limitacións. Toda a plantilla ten un nivel parello, polo que todos dependemos de todos. Sabemos que temos que colaborar para gañar porque non vai haber ninguén que nun determinado momento poida darlle a volta ao marcador.
-¿E o punto feble?
-Esa é a vantaxe, pero tamén o máis negativo, porque se o partido non vai ben, non podes estar a expensas de que alguén che salve a papeleta. Ás veces encadeamos erros e iso leva ás perdas de concentración, e pasa o do Porriño.
-Se falamos de obxectivos...
-Para min está acabar entre os dous primeiros. Xogar a fase de ascenso é precioso, non só polo que significa, senón tamén polo ambiente e a xente. Por min en particular, e polo equipo en xeral, está claro que pelexa non vai faltar. E aínda que está complicada, non o está nin máis nin menos que os últimos anos.