Dúas actrices estradenses ofrecen «Razóns de peso» para acodir ó teatro

DEZA

Ana Puente e Chelo do Rejo crean a compañía Pinguela Teatro, que se presentará en novembro coa estrea no Principal dunha comedia sobre a frivolidade da ollada

02 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Os estradenses van ter o próximo mes Razóns de peso para acodir ó teatro. Ese é precisamente o título da obra coa que se vai presentar en público Pinguela Teatro, unha nova compañía que acaban de poñer en marcha as actrices locais Ana Puente e Chelo do Rejo. A idea xurdiu hai catro anos «por cuestións de físico», segundo explica Chelo do Rejo. As actrices, que traballaron xuntas noutras produccións, decidiron aproveitar as súas diferencias físicas para montar unha comedia sobre os prexuízos da ollada contemporánea. Así xurdeu Razóns de peso e, para sacala adiante, Pinguela Teatro. As artistas tiñan claro que querían un espectáculo cómico que convidase a reflexionar sobre a importancia da imaxe física. Encargáronlle o texto á dramaturga novel e actriz galega Clara Gayo, que dou no cravo co título e co texto. A dirección propuxéronlla a Anabell Gago, que aceptou de inmediato. «Coñezo o potencial das actrices e pareceume moi atractiva a proposta», sinala.

A equipa de traballo está constituída íntegramente por mulleres. O obxectivo é darlle un punto de vista feminino a tódolos compoñentes artísticos do espectáculo, aínda que «sen fundamentalismos nen discriminación de xénero». Lorena Conde encárgase da escenografía e a cartelería e exerce como axudante de dirección. Mónica Sueiro é a responsable do vestiario e Xoana Pintos do deseño de luz.

A estrea será o venres 14 de novembro no teatro Principal da Estrada ás 21.30 horas. A función repetirase a noite do sábado 15. A entrada costará cinco euros. «Non temos ningún tipo de subvención e temos que recuperar parte do invertido. Levamos moitos cartos gastados...», explican Ana Puente e Chelo do Rejo invitando ós estradenses a facer un pequeno esforzo e lamentando non poder invitar a todo o mundo á estrea.

Despois da estrea na Estrada, a compañía pretende emprender unha xira. A empresa Cooperactiva Cultural encargarase da distribución do espectáculo.