«Como os mozos non van á misa, o Padre Merino ten que evanxelizar nos bares»

DEZA

O Padre Merino, o máis mediático dos sacerdotes da comarca, recalará hoxe no Café Nicol?s da Estrada para ofrecer o seu monólogo Amén (Accións Misioneiras Evanxélicas Nocturnas). O primeiro sermón será ás 23.00 horas e o segundo pase ás 00.30. Dálle vida o polifacético actor estradense Francisco Campos.

-Actor, músico, locutor de radio... ¿cal é a súa verdadeira vocación?

-Boa pregunta. Gústame todo, pero desde hai catro anos creo que estou atopando o que realmente son: actor, paiaso, clown... O que máis me gusta é estar en contacto directo co público e facelo rir.

-¿Como colleu os hábitos o Padre Merino?

-Case de casualidade. Xurdeu como unha improvisación nun curso de clown.

-Xa ten evanxelizado bastante...

-O ano pasado levou o primeiro premio no concurso de monólogos do festival internacional de teatro de Carballo e no de monólogos de Cuntis. Este ano acadou o mesmo premio en Pontedeume e participou na sección oficial do Festiclown.

-¿Que fai un cura polos bares?

-Como os mozos non van moito á misa o padre foi seleccionado para traballar nas novas cruzadas do Vaticano. A súa especialidade é falar sobre os pecados capitais: luxuria, gula, pereza...

-Un monólogo interesante...

-Máis ca un monólogo é un cúmulo de técnicas de actuación. Hai maxia, música e cancións en directo, xogos de interactuación co público... Un show.

-¿E ten bula papal?

-Ó final de cada espectáculo xustifico ante o Vaticano o avance na evanxelización. Nese capítulo, haberá unha sorpresa para o público.