Competitividade máxima na Subida a A Estrada, na que finalmente non estará Manuel Senra

La Voz

A ESTRADA

A décimo terceira edición da Subida a A Estrada disputarase hoxe na estrada que une Ponte Ulla e A Estrada. Ás 9.30 arrancarán os adestramentos oficiais, que darán paso, arredor das 10.30, á primeira das mangas oficiais. Rematada a primeira pasada, terá lugar a segunda manga oficial. Os arredor de 40 pilotos inscritos deberán percorrer un traxecto de 5,4 quilómetros dende As Covas ata Aguións. Os participantes coincidiron á hora de cualificar como moi rápido o trazado deseñado para a competición.

Participantes

Na pasada madrugada estaba previsto que se fixera oficial a lista de inscritos autorizados a tomar hoxe a saída da Subida a A Estrada, segunda proba puntuable do Campionato Galego de Montaña. Entre os pilotos que se agarda que hoxe corran en A Estrada está o estradense Javier Martínez Carracedo, que correrá cun Renault 5 GT Turbo. Víctor Abraham correrá cun Fórmuala Gold GR 37, Nonito Gómez cun Fórmula Montiño, e Jaime Castro cun Lancer EVO VI. Finalmente non estará na subida Manuel Senra por problemas técnicos. Manuel Filloy exercerá como coche cero ós mandos dun EVO VI, e José Miguel Martínez Barreiro, Bamarti exercerá como dobre cero conducindo un Saxo Kit Car.