A calidade das augas dos ríos lalinenses amósase a Europa

Amelia Ferreiroa

DEZA

O biólogo lalinense, Xosé Manuel Méndez, exporá en Francia as actuacións que se realizan para protexer os ríos

24 jun 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Unha delegación lalinense integrada por once persoas, entre elas o biólogo e técnico de Medio Ambiente do Concello de Lalín Xosé Manuel Méndez, partirán mañán cara a localidade francesa de Lalinde -coa que está irmanada Lalín- para tomar parte nas Xornadas Europeas que organiza a Federación dos Linden e que se celebrarán ate o vindeiro luns.

O acto central destas xornadas centrarase nunhas breves exposicións que farán todas as delegacións asistentes sobre as actuacións que cada Concello leva adiante para a protección dos ríos, nos seus respectivos municipios. O técnico de Medio Ambiente do Concello de Lalín será o encargado de falar da calidade das augas no termo municipal, pero tamén das melloras que está a acometer o Concello para protexer o medio ambiente. A exposición de Xosé Manuel Méndez será dunha media hora, segundo apunta o biólogo. «Vai ser unha exposición moi gráfica na que poderemos observar cousas positivas e outras máis negativas. En termos xerais podemos decir que a calidade das augas dos nosos ríos é boa, así se desprende tamén dos informes avaliativos do Proxecto Ríos -polo menos nos treitos de aquí nos que se fixo seguimento por parte dos grupos que tomaron parte en dito proxecto-», sentencia Xosé manuel Méndez.

A exposición do biólogo lalinense irá acompañada dunhas noventa fotografías que reflicten a realidade, non sempre positiva. «Levo fotos nas que tamén se poden ver os recentes verquidos na parroquia lalinense de Botos polas obras construtivas do Ave. Tamén lles presentarei aos asistentes fotografías de interese ambiental e turístico. As delegacións dos demais países europeos poderán contemplar o Souto de Quiroga, a Carballeira de Barcia, os ríos Asneiro, Arnego e Deza e a zona de Zobra en plena Rede Natura». O técnico de Medio Ambiente do Concello de Lalín prevé amosarlle tamén aos representantes da Federación dos Linden as melloras que se realizaron, por exemplo, na depuradora de Botos.

Estas Xornadas Europeas coinciden coa celebración do 35 aniversario da creación da federación. Con tal motivo está prgramada unha cea oficial de aniversario o sábado, 28 de xuño, á que asistirán todas as delegacións e representantes municipais. Haberá tamén visitas ao castelo de Castelnaud, á fábrica Polyrey e non faltará un paseo en barco polo río Dordoña.