O Lalín despediuse da afección local cun discreto trunfo ante o Bueu

La Voz

LALÍN

06 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O Balonmán Portadeza Lalín despediuse onte dos seus seareiros no último encontro da Liga disputado no Municipal. Os de Budi venceron ao Bueu por 34-31 nun encontro pouco lucido por parte dos dezanos, sobre todo na primeira metade, na que a desgana semellaba apoderarse do Portadeza logo de perder as opcións de clasificarse para a fase de ascesno.

Como se retornase ao mes de xaneiro, o Portadeza arrincou con erros en ataque e con menos intensidade defensiva da requerida. Así foi como, a pesar de que o Lalín foi por diante no marcador ata o minuto 10, o Bueu logrou adiantarse e obrigar ao Portadeza a xogar a remolque durante varios minutos. Con algúns axustes, e co Lalín máis entonado, os locais encadearon seis goles que lles permitiron poñerse de novo por diante e chegar ao descanso 18-15.

Trala reanudación o Bueu tentou por activa e por pasiva controlar o encontro e adiantarse no marcador, pero o Portadeza, aínda que non fixo un bo partido, controlou con certa tranquilidade o marcador e a vitoria non correu perigo. Os dezano tiveron enfronte ao ex lalinense Pachi, que voltou ao Municipal coa camisola do Bueu.

Cos dous puntos de onte o Portadeza mantense terceiro á espera de rematar a Liga a vindeira semana na casa do Cinse. Como era de agardar, o Guadalajara sumou onte os dous puntos que precisaba para ter matemáticamente o pase á fase, ao gañar ao Salamanca por 32-34. O Novás continúa tamén na pugna con Portadeza polo terceiro posto da táboa despois de vencer de un á Sa-Fa.