Hoxe é o gran día. O polideportivo alcarreño San José acollerá a partir das 12 horas un dos partidos con maiúsculas da Liga en Primeira Nacional. O Balonmán Portadeza Lalín enfrontarase ao Reálitas Guadalajara nun choque do que sairá con toda probabilidade o segundo clasificado do campionato, e polo tanto, o equipo que acompañará ao Atlético Boadilla na fase de ascenso.
O único punto que separa ao Portadeza do Reálitas pode reducirse hoxe ou ampliarse, dependendo do equipo que consiga os dous puntos en xogo. Os dous conxuntos saben o que se xogan, e polo tanto, o partido terá a máxima intensidade.
A expedición lalinense partiu onte cara Guadalajara ao completo, con todos os efectivos en disposición de saltar hoxe á pista do Reálitas. Tanto Budi como os xogadores son conscientes de que os dous puntos polos que pelexan hoxe poden valer un subcampionato ligueiro, polo que durante esta semana estiveron traballando a bo ritmo nas sesións de adestramento.
Boa parte das posibilidades do Portadeza de acadar a vitoria hoxe pasan, sen dúbida, porque a plantilla consiga xogar plenamente concentrada durante os sesenta minutos do partido. «Temos que estar concentrados e moi metidos no partido», resaltou Budi, que lembrou que o enfrontamento de mañá pode ser moi diferente á ida. O Portadeza- Reálitas da primeira volta saldouse cun empate a 33 influenciado polos numerosos erros dos locais, pero tamén pola baixa de Porto e a ausencia de Aser, que ficharía máis tarde. «Agardo que mañá -por hoxe- sexa un partido totalmente diferente, de ti a ti, e cunha boa arbitraxe», desexou o técnico do Portadeza.
Aínda que a rodadura do campionato muda moitos aspectos e serve para perfilar o xogo dos equipos, Budi lembrou que o Guadalajara acostuma a defender ben e sacar rápido de xeito directo, sen apoios, polo que unha boa defensa do Portadeza, así como un ritmo de partido alto podería resultar beneficioso para os do Deza.
Á marxe do estritamente deportivo, haberá que agardar para comprobar o rendemento dos lalinense en domingo, e pola mañá, un horario que non acostuma a favorecer ao Portadeza. «Nós imos a notalo, igual cá viaxe, pero eles tamén teñen moitos desprazamentos a Galicia, así que iso tampouco é escusa», rematou Budi.