Os xuvenís do Portadeza comezaron o sector galego con vitoria ante o Xiria, e hoxe xogan co Teucro
DEZA
O equipo xuvenil do Balonmán Portadeza Lalín iniciou con bo pé a primeira fase do sector galego en Pontevedra. Os pupilos de Manolo Pedreira abriron fogo ante o Xiria no estadio da Xuventude colleitando a vitoria por 27-33. Tanto Lalín como Xiria amosáronse moi nerviosos co inicio da fase, e debuxaron un encontro bastante trabado e tosco. O marcador estivo igualado todo o choque, e o Portadeza non conseguiu irse no luminoso ata os últimos quince minutos. As dúas defensas foron as protagonistas do encontro, que finalizou cun bo número de exclusións por ambos equipos.
O equipo que adestra Manolo Pedreira ten hoxe por diante o segundo dos seus partidos do sector. Os lalinenses mediranse ao Teucro a partir das 20.30 horas no pavillón Municipal pontevedrés, a pista na que habitualmente xoga o rival do Portadeza.
Partidos do Portadeza
Á marxe do sector xuvenil masculino e da viaxe do primeiro equipo a Guadalajara, o Balonmán Lalín disputa esta fin de semana outros encontros. O equipo de Primeira Autonómica masculina visita ao Camariñas, mentres que o feminino recibe ao Narón mañá. O xuvenil feminino xoga mañá na casa ante o Narón, e os cadetes masculinos enfróntanse esta mañá ao Tui. O Bueu é o rival das cadetes, que xogan ás 12.30 no Municipal. O infantil feminino visita ao Carballal e o benxamín recibe ao Rasoeiro. O Balonmán Deza benxamín xoga na casa ante o Cisne.