O Hierros-Diego de categoría Autonómica xoga esta tarde ás 19 horas na cancha do Allariz un encontro que se presume moi complicado debido ás numerosas baixas que arrastra o equipo estradense. Eduardo Lada non poderá contar hoxe con Borja nin Andrés por motivos persoais, nin con Panchito nin David, o primeiro por un esguince e o segundo por gripe. Con semellante desbandada de efectivos, o equipo de A Estrada botará man de alomenos catro xogadores da base entre os que estarán Samuel e Mario, que xa veñen participando nas convocatorias do primeiro equipo.
As numerosas baixas chéganlle ao Hierros-Diego nun momento delicado, posto que o Allariz é un rival moi correoso que na primeira volta foi o primeiro equipo que logrou vencer aos de Lada no Coto Ferreiro (53-57). A isto engádeselle que o encontro chega xusto trala volta das vacacións de Semana Santa, e que esta semana o primeiro equipo non puido adestrar moito.