Iglesias reuniuse con Castro para coñecer as bases das axudas

La Voz

DEZA

O presidente do Estradense, Antonio Iglesias, mantivo na tarde de onte unha reunión co concelleiro de Deportes de A Estrada, Xoán Carlos Castro, para coñecer de primeira man os pormenores das novas bases que regularán a concesión de axudas a clubs e entidades deportivas. A reunión con Iglesias enmárcase nunha serie de xuntas con responsables dos clubs estradenses.

Entre as novidades que se inclúen nas bases, que se aprobarán proximamente, destaca o apoio ao deporte de base, así como a clubs que conten nas súas filas con deportistas locais. Castro destacou que con esta medida preténdese fomentar a implicación local.

Outra das medidas máis destacadas é que as novas bases premiarán a implicación dos clubs solicitantes no proxecto global, é dicir, que se por exemplo un club aporta o 80% do seu orzamento, o Concello terao en conta positivamente. Tamén se valorará que os clubs dispoñan de instalacións propias. As bases recollen ademais a posibilidade de adiantar aos clubs ata o 30% da axuda adxudicada antes da súa publicación, sempre e cando logo se xustifique a súa totalidade no prazo debido. O importe total das axudas ao deporte chegará de novo aos 115.000 euros.

Antonio Iglesias, trala reunión con Castro dixo que ata que se concedan as axudas «non saberemos como nos afecta», pero destacou que entende que «máis ou menos a cousa seguirá igual». «A intención semella que é seguir axudando ao club, pero o que está claro é que non é o mesmo un presuposto para un equipo de Preferente que para un de Terceira», rematou.