O Reale Seguros inicia ante o Mera a defensa do liderato

L.G.C.

DEZA

Logo do parón vacacional de Semana Santa, a competición en Primeira Nacional ponse de novo en marcha, e faino co Reale Seguros Estradense Fútbol Sala xogando na casa. Os homes de Rodrigo Feijoo reciben esta tarde a partir das 19.30 horas ao Mera Fútbol Sala no pavillón Manuel Coto Ferreiro. O Reale abrirá fogo á súa recta final do campionato de Liga fronte aos coruñeses co firme obxectivo de sumar os tres puntos que este tarde se porán en xogo. O Reale só depende dos seus resultados para revalidar o título de campión de Liga, polo que a actuación dos locais esta tarde pode apuntalar aínda máis as aspiracións dos estradenses.

O Mera Fútbol Sala chega á capital de Tabeirós coa urxencia de sumar puntos ao seu haber, posto que o equipo que adestra Pachi Fernández distanciase en tan só dous puntos do Benavente, xa en postos de descenso. Os coruñeses chegan ao encontro de hoxe logo de gañar o seu último encontro na casa por 5-3 ao O Loureiro, pero arrastran unha dinámica perigosa. O Mera encadea vitorias como local con derrotas como visitante, xa que aos de Pachi estalles a custar acadar os puntos lonxe do pavillón de Canide. Ademais, o rival do Estradense non poderá contar esta tarde co peche Josito, por motivos laborais, e o ala Quique é seria dúbida por mor dun pinchazo, segundo explican dende a páxina web do club no que militaron os agora estradenses Buxía e Perce.

Sen dúbida, o encontro enfrontará a dous equipos que loitan en guerras ben diferentes. Mentres que o Estradense Fútbol Sala pelexa dende o liderato por gañar de novo o título de Liga, o Mera Fútbol Sala pugna por alonxarse o máximo posible dos temidos postos de descenso.