«Cada cocido é un reto e o da embaixada en Roma, tamén»

Amelia Ferreiroa

DEZA

Non é a primeira vez que José Luis Iglesias fai fronte á elaboración dun cocido no exterior. Agora toca Roma

29 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

É home metódico e todo está xa preparado para emprender viaxe mañán a Roma onde cociñará cocido de Lalín para uns corenta comensais. A cifra non lle mete medo, pero o protocolo na embaixada de España en Roma infúndelle certo respeto.

-Experiencia con cocidos no exterior xa posúe algunha...

-Algunha experiencia é certo que teño. Estiven co Concello de Lalín facendo cocidos en Cantabria, Astorga, Madrid, Andorra e Canarias. Agora nos toca repetir experiencia en Roma.

-Un novo reto por diante e para afrontar...

-Cada cocido é un reto e o da embaixada en Roma, tamén. Persoalmente o que me preocupa é que saia ben e deixar o mellor posible o noso pobo, como sempre tentamos facer.

-Cando parte?

-Este domingo marcho para alá na miña furgoneta na que levo todos os produtos necesarios para elaborar o cocido. As empresas de transportes son boas pero teño a certeza de que os produtos cheguen en óptimas condicións e por iso prefiro levalos eu mesmo. É máis seguro.

-Moitos quilómetros por diante ate chegar...

-Quédannos moitas horas de viaxe. A nosa intención é tirar ate Barcelona e aí coller o ferri ate chegar case a Roma. Desembarcaremos a uns sesenta quilómetros polo que a viaxe creo que se fará bastante levadeira.

-Carnes, verduras, viño, augardente e, ¿tamén a auga?

-Por suposto. Aínda me lembro da experiencia que tiven cunha auga que nada tiña que ver coa nosa e na que quedaba a graxa en superficie continuamente. Por suposto que levamos a auga de Lalín para o cocido: catro garrafas de cincoenta litros cada unha. E tamén imos levar a cachucha, o lacón, soá, rabo, lengua, galiñas e tenreira. Por certo que as galiñas son de excelente calidade xa que comecei a crialas eu, o resto dos produtos tamén son de primeira categoría.

-Como se conservarán todos os alimentos nesta viaxe?

-Está todo estudado. As carnes van no frío, e a tenreira e a galiña irán en depósitos térmicos específicos e conxeladas.

-Con que viño acompañarán o cocido?

-Optamos por un Joquín Regolledo tinto de barrica.

-E, ¿de postre?

-Filloas, cañas recheas, rosquillas, tarta de améndoa e queixo con marmelo.

-Supoño que contará con axuda para elaborar o cocido...

-A miña muller Áurea me acompaña no desprazamento, como ven sendo habitual, e logo alí poñen a nosa disposición do persoal necesario. Nós só nos ocuparemos da cociña. Ogallá que todo nos saia ben.