«Eu son poeta de sempre, a de actriz é a profesión que elixín»

DEZA

Antía Otero saltou esta tempada á grella televisiva como Silvia, a perruqueira-cantante da serie «Os Atlánticos»

07 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Luns. 22.00 horas. A TVG emite un novo capítulo da serie Os Atlánticos , a historia dunha orquesta que percorre Galicia de verbena en verbena. Silvia, a perruqueira que se mete a cantante suplente, é na vida real Antía Otero, unha moza da Estrada coñecida ata o de agora pola súa creación poética.

-¿En que se parece Silvia a Antía?

-Practicamente en nada. Nin canto tan ben coma ela nin teño o mesmo carácter.

-¿E que tal se lle da a perruquería?

-Tiven que poñerme ó día, facer un traballo de investigación de personaxe, polo menos para darlle un xeito. Se fose cociñeira dariaseme mellor...

-Xa vin no seu blog, Agardando a Godot, ¿por que ese nome?

-Durante a miña formación como actriz traballei con esa obra. Admiro a Samuel Beckett, na faceta teatral e como poeta. E gústame o concepto de espera. Posiblemente a vida sexa unha espera constante.

-¿Que agarda Antía?

-Moitas cousas, pero sen presa ningunha. Disfruto de escribir, de traballar na serie e no teatro, de coñecer xente...

-¿Séntese máis poeta ou actriz?

-Sabía que ía ter que responder a iso. Eu son poeta de sempre, a de actriz é a profesión que elixín. Formeime para iso. Eu escribín desde sempre e desde hai algún tempo son vicepresidenta da Asociación de escritores en lingua galega, pero o meu oficio é ser actriz.

-Tamén é licenciada en Historia da Arte, ¿xa non lle tira iso?

-Si. De feito traballei nalgún comisariado e fago críticas en revistas, pero á par que rematei a carreira empecei a formarme como actriz. Tiven que elexir entre preparar oposicións e traballar como actriz... iso non quere dicir que deixara a arte.

-¿Recoñécena pola rúa?

-A tele é o que ten. A túa cara multiplícase por 150.000 fogares. O actor de teatro pasa desapercibido, pero na tele, fagas un traballo bo ou non, a xente recoñécete.

-¿Moléstalle?

-Lévase perfectamente. Se a xente non te vira non estarías aí...

-¿Prefire o teatro ou o mundo do audiovisual?

-O teatro gústame porque sintes o proceso e permíteche crear. O audiovisual é máis rápido, tes sempre unha data. A cara B do audiovisual é que tes que traballar duro, moitas horas, pero calquera dos dous lugares é moi interesante. Eu formeime con Carlos Neira en Espazo Aberto. É unha formación interdisciplinar que engloba o audiovisual, danza, teatro... Hai un oco no que aunar moitas cousas: textos teatrais que escribo eu, interpretación e audiovisual. Aí é onde me sinto cómoda. Quero explorar esa vía de interconexión.

-¿Bota de menos A Estrada?

-Non, porque vou moito. Vou constantemente ver á familia. Sobre todo, non podo deixar de ir a Codeseda. É do lugar do que cada vez me sinto máis. Das Quintas de Codeseda.