Catro puntos separan ao Lalín do Boadilla, o seu próximo rival

L.G.C.

LALÍN

22 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A última xornada do campionato de Liga en Primeira Nacional rematou coa táboa clasificatoria máis apretada na zona alta. A derrota do Portadeza serviu ao Boadilla para coller aire e situarse xa a catro puntos dos de Budi. Esta semana será precisamente o conxunto madrileño o rival dos dezanos, que poderían recortar a distancia que os separa de sumar os dous puntos en xogo.

A fin de semana tamén serviu para ratificar ao equipo de Fran Teixeira na loita pola fase. O Chapela, que non sabe o que é perder dende a quinta xornada de Liga, sitúase terceiro na táboa a dous puntos do Portadeza. Guadalajara e Novás tampouco se descolgan da loita, atesourando cadanseus 19 puntos, tres menos que os dezanos.

Sen dúbida, o resultado que os de Budi asinen esta semana será determinante para o campionato de Liga, se ben o encontro ante Boadilla coincide co partido no exilio en A Estrada. Onte e hoxe o primeiro equipo disporá do Golmar para adestrar, mentres que mañá e o venres contará co Coto Ferreiro, que o Reale lles cedeu desinteresadamente.

Segundo equipo

Tampouco colleitou a vitoria a pasada fin de semana o segundo equipo do Portadeza. Os pupilos de Alberto Miguélez viaxaron á cancha do Explotaciones Mineras del Morrazo perdendo 34-28 un choque que tiveron a oportunidade de encarrilar na metade do segundo tempo cando os dezanos se puxeron a tan só un punto do Cangas. O Lalín sitúase undécimo.

Balonmán Deza

O que non cedeu puntos foi o Balonmán Deza, que gañou con facilidade ao Galicia Social por 27-34 mantendo deste xeito o coliderato xunto co Guardés, contra o que xogará o vindeiro sábado. Polo Balonmán Deza xogaron Perich, Félix (1), Sergio (4), Ignacio (7), Gúmer (4), Diego (2), Antonio (1); Lobo (4), Jotaeme (1), Gonzalo, Rubén (1) e Salva (9).