O colectivo presentou unha solicitude á Mancomunidade Terras de Deza para xestionar a futura instalación
17 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.A Asociación Naturviva, con sede no Concello de Agolada, leva tempo reivindicando a entrada en funcionamento dunha canceira na comarca de Deza.
-Semella que existe algunha posibilidade de que se poña en marcha...
-Ogallá. Dende a Mancomunidade de Terras de Deza así se comentou polo que nós lle presentamos unha solicitude formal para xestionar a canceira. Os papeis presentámolos o pasado 5 de decembro, pero non sabemos nada do asunto. É preciso agardar, pero dende logo que fai falla.
-Que tipo de xestión farían vostedes?
-O que queremos é que os cans non segan vagando polos montes e polas nosas aldeas e vilas. Nós nos encargaríamos de facer un servizo de recollida dos animais e posteriormente levalos á canceira. Alí se quedarían, alí os coidaríamos e dende a canceira mesmo se loitaría pola adopción de animais. O que temos claro é que non se matarían os animais e se tentaría sensibilizar á poboación para que adoptasen un can ou un gato.
-Entendo que non sería só para cans...
-A verdade é que cada vez hai máis gatos abandoados. No refuxio tamén habería sitio para eles.
-Con que capacidade debería de contar?
-Dende a mancomunidade decidirán, pero nós coñecemos as instalacións da canceira de O Carballiño que é para seiscentos animais e sería o ideal. Facer unha pequena de pouco serviría e non permitiría dar un servizo completo para a zona que é o que se debería de facer.
-Isto non sería preciso se fósemos máis consecuentes cos nosos actos...
-A concienciación é moi escasa, en moitos eidos. A máis dun parécelle normal deixar o can abandoado no medio do monte a súa sorte, que xa se buscará a vida. Os cativos son os máis sensibles con todo isto, non ocorre o mesmo con algunha persoa maior. Temos que seguir loitando para que non se considere como algo normal abandoar un animal porque medrou ou porque estorba na casa.
-Aos colexios teñen pensado ir vostedes a falar do cambio climático...
-Estamos preparando un ciclo de charlas divulgativas sobre ese tema. Xa falamos coa delegación provincial de Educación para que se nos autorizase a impartición das charlas e nos dirixeron que só era preciso falalo cos directores dos centros educativos. Nos vindeiros días faremos as xestións pertinentes con todos eles e levaremos as voces aos centros para explicarlles aos nenos que é necesario frear o cambio climático. Tamén pensamos limpar o cauce do río Arnego dende Lalín ao sobreiral.