Iglesias apunta á marcha da directiva trala reunión con López e Castro

DEZA

A dimisión en bloque da directiva do Club Deportivo Estradense está á volta da esquina segundo as declaracións do presidente da entidade logo da reunión mantida por directivos do club coa tenente de alcalde Raquel López e o edil de Deportes, Xoán Carlos Castro. Lonxe de achegar posturas, a reunión serviu para que as dúas partes se afianzasen nas súas crenzas. Dende o departamento de Deportes expresaron o seu desexo de que a conversa servira para «clarificar cuestións», pero adiantaron que «non se chegou a ningún acordo». De feito, trala reunión con López e Castro, o presidente do Estradense, Antonio Iglesias, expresou a intención dos directivos de convocar aos socios a unha asemblea extraordinaria, tal e como avanzaran. «A reunión non serviu para nada, e todo sigue igual. Visto o visto só nos queda convocar a asemblea para informar aos socios e case seguro que todos presentaremos a dimisión», dixo. «Hai un 99,9% de posibilidades de que deixemos o club, porque non se pode loitar contra corrente», engadiu Iglesias.

Posturas enfrontadas

Trala reunión, López e Castro ofreceron unha rolda de prensa para comentar a súa visión sobre a cuestión. A tenente de alcalde explicou que «tentamos buscar consenso, pero hai un enroque absoluto por parte deles como se as instalacións fosen do club, e non municipais». Respecto do reparto proposto, Castro dixo que «na primeira reunión preguntámoslle ao Reale cales eran as súas prioridades, e o que nos dixeron foi que todas».

A tenente de alcalde dixo que «o Reale parte da base de que considera inamovibles os horarios do Coto Ferreiro porque están reservados dende xuño». López lembrou que naquel momento non houbo previsión dunha Liga Local por parte dos seus predecesores, e destacou que «non se está a suprimir dúas horas de adestramento, senón que só se trasladan».

«Desproporción»

López e Castro, que recoñeceron que a reunión non fora «moi construtiva», falaron tamén da «desproporción» na postura do Estradense por «dispoñer de 13 horas en vez de 15 do Coto Ferreiro», e engadiron que «non cremos que se trasladamos dúas horas o adestramento se vaia a poñer en risco o proxecto deportivo e todo o que significa o Estradense». Ademais, López indicou que se ofrecera a alternativa do frontón, que «se ben sabemos que non é a mellor, si cremos que é utilizable para un adestramento».

Tanto López como Castro aludiron tamén á «sobredimensión» que a directiva do Estradense atribuíu á cuestión, e referíronse a «que todo isto podería servir como unha cortina de fume para tapar outros problemas». Castro dixo que «hai dous anos tamén se organizou máis tarde a Liga Local, e daquelas non houbo ningún problema para a súa incorporación».

Respecto dunha hipotética dimisión en bloque da directiva do Estradense, López dixo que «sería algo desproporcionado e non a comprendería. Pero en calquera caso, nós non nos metemos na vida interna do club».

Outra das cuestións que a directiva do Estradense puxo sobre a mesa foron as axudas ao club. López e Castro explicaron a súa postura de afondar a cuestión máis para diante por entender que este non era o momento de tratalo. Sen embargo, dende o Estradense ven «grave o das subvencións porque nos dixeron que eles van a dalas en base a varias valoracións, polo que nos deron a entender que nolas van a recortar, co que non respectan os acordos aos que nós chegaramos antes de que eles entraran no goberno».

Iglesias manifestou ademais que «está claro que o Estradense non ten o respaldo institucional, así que haberá que poñer outra directiva» que «eles igual xa teñen algunha afín».