«A maior satisfación é que os pais se involucran no centro»

Amelia Ferreiroa

DEZA

Os seus cargos na federación e no Consello Escolar de Galicia fan que deixe a presidencia, pero será vocal

26 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Leva seis anos presidindo a Anpa do IES Aller Ulloa de Lalín, e dezaséis vencellada ao mundo do asociacionismo, pero despois de varios anuncios deixa o cargo. -Digamos que xa era público e notorio... -Así é. En varias ocasións dixen que era hora de cambiar. Francamente os seis anos, coas súas distintas etapas, foron moi positivos e sempre existiu un excelente entendemento cos tres equipos directivos cos que me tocou traballar. -Obviamente que xa contan con relevo, ¿por decisión unánime da xunta directiva? -Sempre se consensúan as cuestións entre todos, e esta tamén, polo que se decidiu que Tito Fernández Lamas sexa presidente da Anpa e Jose Jácome, o vicepresidente. Tito só exercerá como tal un ano, tendo en conta que o seu fillo está a cursar 2º de BAC pero dispón de tempo e amosouse disposto a ser presidente. -Seis anos deron para moito, ¿que foi o máis positivo? -Fixemos moitas cousas ao longo destes anos pero a maior satisfación é que os pais se invlocren no centro. Non foi doado, e non se acadou dun día para outro... Fomos pioneiros na posta en marcha dunha escola de pais, e persoalmente espero que se sigan promovendo actividades dende a mesma. Importante foi tamén fomentar a participación dos pais no consello escolar, a celebración daquelas primeiras actividades extraescolares cando aínda non se facían nos centros. Logo penso que se realizaron obras de melloras moi importantes. -Satisfeita do aspecto que presenta, entón? -Aínda non contamos co tan demandado ximnasio, pero polo demais, non está nada mal. Lémbrome que non dispuña o centro de salón de actos nin había patio cuberto, obras que se foron acometendo co decorrer dos cursos. O instituto conta con especialistas que atenden aos rapaces que presentan certas dificultades e non quero esquencerme, por exemplo, da biblioteca do IES que acadou un premio do ministerio. Os rapaces poden atopar alí o que precisan, está moi ben atendida e iso porque contamos cun grupo de persoas moi volcadas na mesma. -Ante tanta positividade, que resta por facer no centro? -O centro agora mesmo cunhas boas instalacións pero sempre vai xurdindo algunha cuestión puntual, e a Anpa está para reivindicar melloras ante os organismos competentes. -Participará o día 17 nunhas mesas de traballo do Consello Escolar de Galicia... -É unha xornada sobre A participación da comunidade educativa na mellora da calidade do ensino , que se celebrará na EGAP en Santiago, e na que participarán expertos como Raúl Gómez, Xosé Barral, Mariano Fernández Enguita ou Florencio Luengo Horcajo que é profesor e coordinador xeral do proxecto Atlántida.