O Reale Seguros Estradense Fútbol Sala xoga mañá o seu sexto encontro de Liga. Faino perante un rival cuns números ben diferentes aos dos estradenses nesta tempada. As dúas escuadras deixaranse mañá a pel no Coto Ferreiro, pero para afrontar metas ben diferentes. Dunha banda, o Estradense F.S. pode colocarse, de gañar, entre os tres primeiros equipos da táboa. Da outra, o Hermanos Barbeito de Portonovo loitará polos puntos en xogo para saír do pozo de resultados no que está sumido.
O Reale ocupa a quinta posición da clasificación do Grupo A con cinco encontros disputados. Por diante ten ao Puertas Deyma dominando con firmeza o campionato (16 puntos), ao Parrulo (13) que descansa esta xornada; ao Lugo B (13) que se enfronta ao Rompiente, e ao Restauraciones El Llano (13) que xoga contra o Loureiro. Dos catro equipos que o Estradense ten por diante tan só o Azkar B leva cinco partidos xogados, mentras os outros tres rivais xa disputaron os seus seis primeiros encontros de Liga.
Así pois, se o Reale vence ao Hermanos Barbeito, colocaríase con 15 puntos, superando de feito ao Parrulo, que ten 13 pero descansa, e á espera do que fagan Lugo e El Llano, que, de perder, colocarían ao Reale segundo, e cun encontro menos có líder.
O rival
Ben diferentes son os números cos que chega o Hermanos Barbeito ao choque estradense. Os homes de Paco Garabal, ex técnico do Reale, están terceiros empezando por abaixo, e tan só suman unha vitoria no que vai de Liga, ante o Santiago F.S. na terceira xornada da Liga.
Os tres puntos que atesoura o conxunto de Portonovo déixano empatado co Ponferrada, e superando ao Mera, que tan só acumulou un empate. Así pois, os homes de Garabal viaxarán a A Estrada necesitados de puntos para saír da zona perigosa da clasificación.
Vitoria do Riter
A última xornada de Liga en Provincial Feminina deixou ao Riter Estradense cun novo trunfo, desta volta perante o Boqueixón, ao que venceron por 2-3. As de A Estrada comezaron 1-2 no primeiro tempo grazas aos goles de Eva e Cristina. Trala reanudación Raquel certificou o trunfo do Riter. O Estradense Fútbol Sala está quinto na clasificación.