A directiva do Estradense está á espera de que o novo concelleiro a convoque a unha reunión

La Voz

DEZA

Logo do cambio rexistrado no goberno municipal de A Estrada, os responsables do C.D. Estradense están á espera de entrevistarse co novo titular da carteira de Deportes, Xoán Carlos Castro (BNG), que hai escasas dúas semanas se puxo á fronte do departamento.

O presidente do Club Deportivo Estradense, Antonio Iglesias, explicou onte que a directiva do club está á espera de ser convocado polo novo concelleiro de Deportes para explicarlle a situación da entidade deportiva, e abordar con él cuestións que afecten ao club. «Estamos á espera de que nos chamen» indicou Antonio Iglesias. O mandatario estradense destacou que «o primeiro será falar», pero non agochaba certa preocupación ante a probabilidade de que o primeiro presuposto do goberno bipartito será máis restritivo no capítulo de partidas para subvencións. «Porque está claro que se ao Estradense lle quitan as subvencións, non pode existir» resaltou Iglesias.

Ata o momento, segundo concretou o mandatario, o club viña recibindo do Concello unha subvención que supoñía o 18% do orzamento do custe dun equipo en Preferente, «aproximadamente 18.000 euros, e 600 para os xuvenís», matizou Iglesias. Esa cantidade «non da máis ca para pagar as arbitraxes, a mutualidade e os autobuses. Despois o resto temos que buscalo todo», salientou Iglesias.

Á espera de manter un primeiro contacto con Xoán Carlos Castro, Antonio Iglesias explicou que a intención do club pasaría por solicitar un incremento na partida orzamentaria adxudicada ao club, «posto que hai que recordar que levan dez anos dando as mesmas subvencións, e por exemplo, antes a arbitraxe custaba 150 euros, e agora son 300» dixo Iglesias.

Baixa de Brian

Xa no aspecto estritamente deportivo, onte o Club Deportivo Estradense deulle a baixa a Brian, o dianteiro do que o club prescindira hai xa algunhas semanas. Segundo explicou Antonio Iglesias, o xogador irá ao Laro.