«O médico di que non force, pero tres horas na bici non mas quita ninguén»

Mar García Balseiro
mar g. balseiro VIVEIRO / LA VOZ

LUGO

A súa especial carreira contrarreloxo comezou cando se xubilou.

12 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A vida é como subir unha montaña, e José Paz Tejeiro, José do Sixto (Alfoz, 1920), faino cada día, desde moi novo sobre unha bicicleta, pero a súa especial carreira contrarreloxo comezou cando se xubilou. A idade e as consecuencias do paso do tempo non minguaron as súas gañas de pedalear o mundo, agora o máis próximo, e con 91 anos métese no corpo cada día entre vinte e trinta quilómetros, «ou máis, o que se poida». Só apea a bici cando chove. É a súa receita contra o aburrimento, que combina co corte de pelo que lles fai a «amigos ou inimigos», antigos clientes do seu oficio de barbeiro na casa (o seu traballo foi nunha fábrica de madreñas), e algunha actividade agropecuaria nas leiras que ten a familia, como a recollida de fabas na que onte investiu parte do seu tempo. Con catro fillos e algún bisneto, os seus veciños non dubidan en dicir que ten «un espírito novo, unha musculatura estupenda, e unhas gañas de vivir a vida inmensas, ata as últimas consecuencias, sen baixarse da bici».

-¿Recorda cal foi a súa primeira bicicleta?

-A primeira que comprei foi unha Orbea, que me custou 300 pesetas, a partir de aí tiven tres ou catro, ata a de agora. Dúranme bastante. Na mili deixeina aparcada, e despois xa non me baixei nunca. Porque nunca tiven moto, nin coche, non me deu por sacarme o carné, eu sempre en bicicleta. Na vida cada un ten unha forma de ser, e o meu é isto, cando collo a bicicleta e non me aburro nunca.

-A idade parece non pasarlle factura ou ten un corpo de ferro, hai quen pensa que está feito «un jovencito».

-[Ri]. Onte [polo luns] fixen 28 quilómetros, facía máis cando era novo, noventa ou cen quilómetros ao día, non había montaña que se puxese por diante. Pero agora as pernas non me aguantan moito. O médico de cabeceira xa me dixo que non force porque, claro, a musculatura non é a de antes, pero comer como de todo, máis agora que se pode, porque na mili pasei moita fame, dábannos un día carne con patacas e outro patacas con carne, pero de carne nada, era máis ben auga, un desastre. Levo andado quilómetros e quilómetros, pero cando me xubilei empecei a tomarmo máis en serio. Saía cun grupo de amigos, pero eses compañeiros, aínda que son máis novos ca min, están amolados e agora vou eu só.

-¿E non ten medo? ¿A súa familia non trata de convencelo para que quede na casa?

-¿Medo? ¿A que vou ter medo? Polo menos tres horas pola mañá para coller a bicicleta non mas quita ninguén, só se chove quedo na casa porque non me quero mollar. E cando vou pola estrada pasan moitos coches que me pitan porque me coñecen.

-É unha pregunta simple, pero aí vai. Cando sae na bici, ¿en que pensa?

-Vou pensando no que vou, no que teño diante. Porque a pesar de tantos anos dándolle ao pedal nunca tiven ningún accidente coa bicicleta.

-Vale, pero de cando era mozo a agora, o que ve non é exactamente igual, supoño.

-Si, cambiou unha burrada todo. Antes non había estradas, había carreiros polos que andaba, camiños de carro; agora todo son estradas boas, porque mira, se non fose así, á miña idade, eu non podería subirme á bicicleta e botar a andar. Hai tamén máis casas e edificios onde antes non había nada. Antes ía a calquera parte, e agora teño uns percorridos que alterno. Por exemplo, vou ata San Acisclo (Foz), ao criadeiro das troitas, en Fazouro, subo ata o empalme de Ferreira (Valadouro) a Vilaude pola [estrada] xeral, e uso moito as estradas do parcelamento, porque mira que fixeron e están moi ben para a bicicleta.

josé paz xubilado de 91 anos que fai en bici ata 30 quilómetros ao día