O sector do libro reclama o cambio de modelo da gratuidade no ensino

Camilo Franco

CULTURA

Os editores sinalan que o actual sistema é o culpable principal dos resultados á baixa durante o ano 2007

04 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O sector do libro en Galicia reclamou con urxencia o cambio de modelo no sistema de gratuidade do libro no ensino apoiando esta petición coas cifras do sector en Galicia durante o 2007, unhas cifras con indicadores negativos, especialmente o referido á facturación do libro galego que se reduciu un 10% con respecto a 2006.

O primeiro estudo que se fai no mercado do libro en Galicia serve para explicar todas as reticencias que editores e libreiros puñan ao actual modelo de gratuidade do libro que, segundo os editores, é un préstamo. Na presentación deste estudo participaron representantes de todos os sectores implicados na produción e venda do libro, quen fixeron fincapé na importancia que ten para todo o sistema o libro escolar.

En números redondos, o libro escolar supón o 50% da facturación do sector en Galicia, que no 2007 roldou os 32 millóns. A dependencia faise especialmente delicada se se fala de libro en lingua galega, onde os indicadores explican que se perdeu venda en favor doutras, linguas, fundamentalmente en castelán. A este case 50% hai que sumar as vendas de xéneros como o infantil e xuvenil que, segundo os editores, ten unha dependencia moi grande da situación escolar.

No mesmo sentido, unha parte das vendas de literatura tamén pasan pola súa recomendación no ensino. Sumados os libros de texto non universitario, o infantil e xuvenil e mais o literario supoñen o 78,5% do total dos libros editados, uns títulos que sumaron case 3.000.000 de exemplares.

Facturación total

A facturación total pola venda de libros en Galicia no 2007 supuxo 165.530.000 euros, pero só o 17% dese total corresponde a editoriais asentadas en Galicia mesmo contando con aquelas que tamén editan en castelán o que significa, segundo os autores deste primeiro informe do mercado interior do libro galego, que este está perdendo presenza e que, en gran medida, se debe ao actual sistema de gratuidade.

Alfonso García Sanmartín, presidente dos editores, asegurou: «Estamos a favor da gratuidade total do ensino, o que quere dicir que estamos a favor da gratuidade do libro escolar, pero queremos unha gratuidade de verdade para os alumnos e que non poña en perigo a un sector enteiro».

Segundo explicou o presidente dos editores galegos, a reclamación que fai o sector do libro é «o cambio do modelo actual, cambiar o préstamo polo libro gratuíto que quede en propiedade do alumno».

Para os editores, os libreiros, autores e ilustradores as cifras dos últimos anos demostran a relación directa entre a situación do libro no ensino e a saúde da industria editorial en Galicia. Sanmartín explicou que unha posibilidade para que o libro galego funcione e medre é que a industria do libro «se fortaleza e progrese como tal industria». Sinalou o editor que non é posible que a edición literaria sobreviva por si mesma posto que «o que permite aos editores e libreiros manterse é a existencia do libro escolar».