Goretti Sanmartín editou un ensaio sobre o galego «para que recupere o prestixio e a dignidade»

La Voz

CULTURA

01 abr 2009 . Actualizado a las 22:43 h.

Nos camiños do entusiasmo: Calidade da lingua e planificación. Este é o título do ensaio da filóloga Goretti Sanmartín, editado por Xerais e presentado na sede coruñesa da agrupación cultural Alexandre Bóveda. A profesora da Universidade da Coruña chama a atención neste libro sobre os problemas máis urxentes da lingua galega e fai un recorrido histórico sobre a misma que se remonta ata o nacimento das Irmandades da Fala, un feito que tivo lugar a escasa distancia de donde presentou onte o este libro.

Goretti Sanmartín, que onte estivo acompañada de Xosé Manuel Sánchez Rei e do director da editorial, Manuel Bragado Rodríguez, xa tiña apuntando que este traballo estaba dirixido fundamentalmente «á xente que xa parte da base do compromiso coa lingua galega e co seu uso, e apela ao esforzo na procura da maior calidade lingüística entre os falantes para que recupere o prestixio e a digniddade como lingua propia».

Entende esta filóloga que son ocasións perdidas porque ningunha delas supón unha planificación axeita «para a nosa realidade sen calidade da lingua, un espazo onde, por tanto, debemos confluír para sobrevivir».

Desde a editorial Xerais afirman que este libro pretende, fundamentalmente, «ligar a defensa do idioma galego co emprego dun modelo de lingua culto que incida na recuperación do prestixio e da dignidade que aínda está a precisar para ocupar o espazo que merece como lingua propia deste país».

Para acadar este obxectivo, a autora «aborda os problemas máis urxentes da lingua galega na actualidade e realiza un percorrido crítico por dúas ferramentas que puideron ser fundamentais no proceso de normalización: o Plan xeral de normalización da lingua galega e o acordo normativo de xullo de 2003». Desde esta perspectiva xeral, o ensaio de Goretti Sanmartín Rei «combina a análise das políticas lingüísticas desenvolvidas nos últimos anos, a revisión de conceptos fundamentais neste ámbito de fonda tradición entre o movemento nacionalista, mais cada vez máis cuestionados socialmente, coa reivindicación de textos e personalidades relevantes da nosa particular tradición sociolingüística, para contribuír coa súa (re)lectura a nos sentirmos elos dunha cadea que debemos transmitir con entusiasmo».

«Nesta dramática mais esperanzada viaxe», indican fontes da editorial, a profesora na área de Filoloxías Galega e Portuguesa do Departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística da Universidade da Coruña, «contextualiza textos e interpretacións sobre a obra de Manuel García Blanco ou de Ramón Piñeiro e afonda de maneira especial no pensamento de Ramón Vilar Ponte e da súa xeración, nun intento de recuperar algunhas das voces que deseñaron unha necesaria política para a lingua que precisa anovar os discursos e constituír un referente recoñecido tanto social como academicamente».